'Coa auga ao pescozo' na Illa polo cambio climático
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O cambio climático, ou emerxencia como xa se denomina, pode traer consigo importantes consecuencias na provincia. Conscientes diso son na Illa de Arousa, onde o CEIP Torre Illa sumouse este venres aos actos do Día Mundial polo Clima.
Alumnado e profesorado do centro de ensino simularon unha inundación como a que podería sufrir o municipio no futuro como consecuencia da subida do nivel do mar se non se actúa de inmediato.
'Coa auga ao pescozo' foi o lema escollido para a recreación, nun patio do colexio que pretendía converterse nun enorme mar que asolaga todo ao seu paso "e que mesmo chegaría a provocar que tamén a nosa illa, tal e como a coñecemos, desapareza, se non poñemos fin á destrución paulatina do planeta; polo que queremos e debemos concienciar da urxencia de mudar os hábitos contaminantes por medios de vida e consumo sustentables", explicaron desde o CEIP Torre Illa.
Desta forma desde o centro uníronse ao berro mundial polo clima reclamando solucións e a implantación de enerxías limpas que reduzan a contaminación.