Xa están publicadas as listas definitivas de admitidos nas Escolas Deportivas Municipais
Por Redacción
As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos nas Escolas Deportivas Municipais de 2019-20 xa poden consultar o listado definitivo de admitidos con praza confirmada, así como as listas de agarda, no taboleiro oficial do Pavillón dos Deportes, na páxina de Facebook "Deportes Pontevedra" e na área de Deportes da web do Concello.
A partires deste martes 1 de outubro, darán comezo as actividades deportivas nos horarios previstos en cada unha delas, sendo os respectivos monitores os encargados de entregar as fichas de inscrición que os pais deben cubrir completamente e devolver ao día seguinte na propia escola, non nas oficinas do pavillón.
Aquí se poden consultar os listados de preinscritos con praza confirmada naquelas actividades nas que a demanda superou a oferta, así como as súas listas de agarda. Para as escolas que nas que non houbo máis demanda que oferta e que, polo tanto, non tiveron sorteo, as persoas interesadas poderán dirixirse directamente ao club organizador da actividade.
Tal e como indica o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "as entidades deportivas só se porán en contacto cos rapaces en lista de agarda no caso de que a lista de vacantes se desprace ata o seu posto".
"Se algún neno non puidese acudir o primeiro día da actividade terá que comunicarllo inexcusablemente ao club organizador na primeira semana, de xeito que non haxa dúbidas sobre o seu interese en participar na escola deportiva", aclara o edil do PSOE.
Para completar a fase de inscrición final, os interesados deberán entregarlle aos clubes antes do 18 de outubro unha ficha totalmente cuberta, xunto co DNI do representante legal do menor, a tarxeta sanitaria do rapaz e un xustificante do pagamento da matrícula.
A demanda das Escolas Deportivas Municipais para o período 2019-2020 acadou a cifra récord das 2.000 solicitudes, o que supón un incremento dunhas 200 prazas con respecto á edición anterior.