Ricardo Portela será nomeado fillo predilecto de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Coincidindo co centenario do nacemento dunha das figuras máis recoñecidas da música tradicional galega, o concello de Cerdedo-Cotobade, a iniciativa do BNG, acordou darlle a Ricardo Portela a categoría de Fillo Predilecto, a título póstumo.
O vindeiro ano 2020 adicarase ao gaiteiro de Viascón. Será un ano no que visibilizar e proxectar a traxectoria persoal e artística dun dos músicos máis celebrados e admirados do país, e no que o Concello e os colectivos culturais irán da man para organizar actividades que poñan de relevo a importancia que para a música, para Cerdedo-Cotobade e para Galiza enteira tivo o grande mestre do toque pechado.
O grupo municipal do BNG congratulouse de que a súa iniciativa obtivese o apoio unánime da corporación.
O voceiro nacionalista, Ernesto Filgueira, dixo estar certo de que "esta unanimidade permitirá que o 2020, ano gaiteiro Ricardo Portela, sexa un ano excepcional que axude a proxectar ao noso concello e o legado inmortal do gaiteiro de Viascón".