A subdelegada do Goberno dá o seu apoio ao movemento Friday for Future de Pontevedra
Por Redacción
Os mozos integrantes do movemento Friday for Future de Pontevedra recibiron este venres o apoio da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, coa que mantiveron un encontro nas escaleiras de acceso á Subdelegación.
Un grupo de mozos acudiu por segunda semana consecutiva á escalinata do edificio da Subdelegación do Goberno para facer públicas as súas reivindicacións en relación coa crise do cambio climático e Maica Larriba quixo aproveitar a súa presenza ás portas do edificio para achegarse a eles.
Segundo informou a Subdelegación do Goberno, a subdelegada trasladoulles o seu apoio e o seu orgullo polo compromiso co medio ambiente que están a demostrar e a súa esixencia para cos gobernos respecto á aplicación de medidas contundentes contra a crise climática.
Larriba quixo manifestarlles o seu compromiso con esta reivindicación, seguindo a posición que mantivo hai uns días o propio presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, na ONU. Ademais, lembrou o anuncio de que España achegará 150 millóns de euros nos próximos catro anos para o Fondo Verde Climático, contribuíndo así a unha transición económica xusta ante a emerxencia climática sen precedentes que se está a vivir.
Ademais, a subdelegada indicoulles que as portas da sede do Goberno en Pontevedra sempre estarán abertas para escoitalos e apoialos en causas "tan importantes e solidarias para todos",
A semana pasada, coincidindo coa Folga Mundial polo Clima, os rapaces xa entregaran un escrito nas oficinas da Administración do Estado na provincia.