Dous furtivos reincidentes, sorprendidos de novo en Pontevedra con 56 quilos de ameixas
Por Redacción
Os furtivos non descansan. Dous homes, que xa foran sorprendidos con ameixa extraída de xeito ilegal da ría de Pontevedra, volveron a ser interceptados polas autoridades. Desta volta levaban con eles máis de 56 quilos de ameixa.
Os dous furtivos, segundo informou a Policía Autonómica, circulaban nun vehículo pola Avenida de Marín cando os axentes lles deron o alto. Ante esta situación, lanzaron un saco de rede e un capacho á zona baixo a pasarela por onde pasa a estrada.
Logo de facer as comprobacións, os axentes detectaron que os investigados transportaban algo máis de 56 quilos de ameixa, polo que requiriron a presenza dos gardapescas da confraría de pescadores de San Andrés de Lourizán a quen fixeron entrega do marisco comisado.
Os dous varóns investigados xa foran interceptados este verán no peirao de Corbaceiras, cando transportaban ameixa extraída de forma ilegal.
Ían con diversos útiles, entre eles un traxe de neopreno e equipo de respiración, unha embarcación pneumática co seu motor fóra borda e máis de 53 quilos de ameixa.
Ante estas circunstancias, e motivado pola reincidencia na práctica furtiva e que carecen de permiso ou autorización para o marisqueo, a Policía Autonómica iniciaron dilixencias contra estes dous homes que deberán prestar declaración como investigados non detidos como presuntos autores dun delito contra a flora e a fauna.
Relacionadas:
-
Localizan en Poio dous zulos con case dez quilos de ameixa xapónica
Por Redacción |
-
Interceptan unha furgoneta con 1.740 quilos de ameixas na peaxe da AP-9 en Vilaboa
Por Redacción |
-
Un furtivo agride cunha saca de ameixas a un garda rural na ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Capturan dous mariscadores furtivos despois de perseguilos polas rúas de Combarro
Por Redacción |
-
Investigan por reincidencia "aos dous furtivos de sempre"
Por Redacción |