Dúas traballadoras, evacuadas por inhalación de fume tras un incendio no restaurante dun hotel da Toxa
Por Redacción
Un incendio declarado no interior do restaurante dun hotel da Toxa saldouse este venres con dúas traballadoras evacuadas por inhalación de fume.
Segundo a información que traslada o 112 Galicia, o lume foi provocado por un curtocircuíto nas instalacións eléctricas do baño do establecemento.
O suceso produciuse pasadas as 23:30 horas da noite do venres.
O Centro de Atención de Emerxencias, tras recibir o pertinente aviso, solicitou a colaboración dos servizos sanitarios, dos Bombeiros do Salnés, do GES de Sanxenxo e tamén dos membros de Protección Civil do Grove, ademais de informar a Garda Civil e Policía Local.
Unha vez finalizadas os labores de extinción, procedeuse a ventilar o local, momento no que os servizos de emerxencia puideron confirmar que o lume se producira por un fallo eléctrico.
As dúas traballadoras foron evacuadas ao centro de saúde.