Os socialistas de Barro reclaman a mellora do centro de saúde de Barro e do CEIP Amor Ruibal
Por Redacción
O PSOE presentará no Parlamento de Galicia emendas aos orzamentos da Xunta coa intención de que se destinen 300.000 euros ás melloras de dous espazos importantes no municipio de Barro, o Centro de Saúde e o colexio Amor Ruibal.
O deputado de Sanidade, Julio Torrado, e o secretario xeral e o portavoz do PSOE en Barro, José Sanmartín, realizaban un percorrido este luns por Barro para comprobar o estado en que se atopan estes dous edificios.
O PSOE quere que se destinen 200.000 euros á mellora integral do Centro de Saúde. Segundo sinalan, o inmoble atópase nun estado obsoleto, sen medidas de accesibilidade, portas estreitas e humidades.
Torrado mantivo un encontro coa veciñanza e comprometeuse a reclamar ao SERGAS (Servizo Galego de Saúde) a cobertura de baixas en Atención Primaria no Centro de Saúde.
Os asistentes sinalaban que falta un dos facultativos desde hai un mes .Polo que un só médico ten que facer fronte a 60 pacientes ao día. Esta situación obriga a aprazar citas e a sufrir longas esperas ou mesmo a derivación de pacientes a outros centros de saúde.
O grupo socialista de Barro iniciará este semana unha campaña de protesta para tentar cambiar esta problemática con concentracións todos os xoves de cinco minutos ante o Centro de Saúde.
En canto ao colexio Amor Ruibal, o grupo socialista reclamará un investimento de 100.000 euros para liquidar as deficiencias actuais que se centran na falta de pintado interior e exterior, puído dos chans e renovación de xanelas. Ademais, reclaman a construción de accesos cubertos desde a entrada ata o interior do recinto e a amplación do espazo do comedor escolar.