Valoracións enfrontadas ante os orzamentos da Xunta para Pontevedra

Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
De novo repítese o guión e os orzamentos da Xunta de Galicia para a cidade de Pontevedra atopan valoración enfrontadas.
A portavoz do Grupo Municipal do BNG, Carme da Silva, valorou como "sen ningunha novidade" e alertou de que proxectos capitais para a cidade "non terán ritmo desexable de execución, máis ben parece que se ralentizarán".
Carme da Silva recordou que 3 millóns de euros para o novo Hospital Montecelo "amosan o escaso ritmo de execución que terá o proxecto, cando a administración galega comprometeuse a impulsar un proxecto tan necesario para a área sanitaria norte da provincia"; ou os 50.000 euros que recollen a dragaxe do Lérez "revelan que non se vai facer".
Tamén reparou nos 500.000 euros consignados para a Variante de Alba. "A pesares de que o Concello non está de acordo co trazado escollido pola Xunta de Galicia", a portavoz do BNG no Concello lembrou que "esta escuálida partida orzamentaria sembra dúbidas na súa execución".
Fixo referencia, tamén, na ausencia da futura residencia da terceira idade de Pontevedra dentro dos orzamentos da Xunta do vindeiro ano, e para á que o Concello xa cedeu os terreos necesarios na Parda.
PARTIDO SOCIALISTA
A parlamentaria socialista Patricia Vilán califícaos de "moi decepcionantes" e acusa á conselleira de Política Social, Fabiola García, de "enganar" á cidadanía pontevedresa nas contas, "que non chegan aos 13 millóns e medio de euros e non existen por ningún lado achegas específicas nin para a residencia do maior de Campolongo nin para o Avelino Montero, como tampouco as hai para o Hospital Provincial, o transporte urbano e o colexio Froebel".
Para os socialistas os orzamentos do goberno que preside Alberto Núñez Feijóo son "maquillaxe e máis maquillaxe".
O tenente de alcalde e voceiro do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández, chegou a dicir que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2020 son "un novo intento de Pinocho Núñez Feijóo de enganar a Pontevedra".
Ao seu xeito de entender, as contas do Goberno do Partido Popular "teñen un marcado carácter electoralista e son absolutamente irreais e irrealizables, xa que o rei da mentira sabe de sobra que non vai poder executar no vindeiro ano as obras de saneamento e depuración", porque non existe acordo e consenso sobre as mesmas e non hai un proxecto elaborado e, en último termo, porque carece dos permisos das administracións competentes.
PARTIDO POPULAR
Pola súa banda, o portavoz do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo en valor o "compromiso que a Xunta de Galicia mantén coa cidade de Pontevedra a través dos orzamentos do 2020".
Domínguez sinala que son "numerosas" as liñas de investimento que o goberno galego sostén na cidade do Lérez, destacando a partida de 18 millóns de euros que marcará o inicio do saneamento da ría de Pontevedra coa execución da mellora da depuradora e do novo emisario submarino.
"Os orzamentos da Xunta de 2020 son o exemplo da firme alianza que Feijóo e o seu equipo ten cos pontevedreses e a mostra dunha lexislatura histórica", dixo o portavoz do PP.
"A súa preocupación e responsabilidade connosco sempre foi exemplar e do máis alto nivel", dixo Domínguez.
Relacionadas:
-
En Marea critica que os orzamentos da Xunta para 2020 "dan as costas" a Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O saneamento da ría, Montecelo ou a estación intermodal, prioridades da Xunta para Pontevedra en 2020
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma integral da residencia de maiores de Campolongo, prevista para 2020
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |