O Concello programará actividades para previr a adicción ao xogo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra programará actividades para previr a adicción ao xogo. Así comunicouno este mércores o concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, despois manter un encontro coas entidades socio sanitarias que traballan na cidade.
A ludopatía é unha patoloxía que cada día atrapa a máis persoas no xogo, tanto presencial como online. A proliferación de casas de apostas, as facilidades que ofrecen as novas tecnoloxías fan que a día de hoxe o número de persoas ludópatas se multiplique de maneira alarmante nun fenómeno que se chegou a comparar coa situación vivida nos anos 80 coa heroína.
Desde o ámbito da prevención o Concello quere que o 2020 "sexa o ano de loita contra as ludopatías". Tino Fernández alertou que "estamos ante un problema importante do que só estamos a ver a punta do iceberg".
"É un problema que debe ser atallado desde todas as administracións", engadiu, e esta concellería de Actividade Física e Saúde pretende destinar recursos ás tarefas de sensibilización e prevención.
A próxima reunión con todos estes colectivos está fixada para finais de novembro para elaborar un calendario de actuacións.
Ademais o encontro mantido este mércores serviu para manter e coordinar unha liña de colaboración entre estes colectivos e o concello para que "os recursos gástense con máis criterio", segundo indicou Tino Fernández.
Neste sentido escoitaranse as propostas de todos estas asociacións para a elaboración do orzamento municipal para 2020.
O tenente de alcalde tamén expuxo a posibilidade de organizar unha "Feira da Saúde", un nome provisional para denominar a un foro no que se pretende reunir con fins divulgativos ás asociacións como a de enfermidades intestinais, contra o cancro, diabetes, tdh, Parkinson e tamén a colexios de profesionais do ramo socio sanitario, entre outros colectivos.
Relacionadas:
-
Rouba 20.000 euros dun centro comercial de Sanxenxo para investilos en apostas
Por Redacción |
-
O 7,3% dos adolescentes pontevedreses apostan en xogos online
Por Natalia Puga |
-
A crise multiplica os ingresos en Proxecto Home por alcoholismo, abuso de psicofármacos ou ludopatía
Por Redacción |
-
Un ludópata comprométese ante o xuíz a devolver "a prazos" 300.000 euros a dúas aseguradoras
Por Oskar Viéitez |