O Concello de Sanxenxo analiza as alegacións dos hostaleiros á ordenanza de terrazas antes de aprobala
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo segue traballando na primeira ordenanza que regulará a actividade das terrazas dos locais de hostalería do municipio. Concluído o prazo de alegacións, foron diversos os colectivos que, de forma conxunta, enviaron unha listaxe de melloras a esta normativa que o Concello comprométese a analizar e aplicar sempre que sexa posible.
Unha agrupación de 16 establecementos hostaleiros da vila de Sanxenxo, o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo ( CETS), un agrupación de 14 empresas do sector de Portonovo, o grupo político local de Marea e oito particulares presentaron alegacións á ordenanza. Entre as emendas, moitas das peticións son recorrentes. A cobranza por metros cadrados ocupados en lugar de por o número mesas, permitir a instalación de terrazas en beirarrúas de menos de 3 metros de ancho sempre que se deixen 1,8 metros para o paso de peóns, permitir deixar as terrazas amontoadas na rúa dun día para outro, manter o mesmo horario durante todos os días de semana ou biombos superiores aos 1,5 metros de altura son algunhas das peticións que comparten a maior parte dos demandantes.
Os técnicos estudarán agora estas suxerencias e incluirán no documento final todas aquelas que consideren que melloran a ordenanza. Desde o goberno local, pola súa banda, iniciarán agora unha reunión con aquelas persoas que presentaron alegacións para ampliar información antes de aprobar a nova ordenanza no próximo pleno.