Ames, un dos concellos coa poboación máis nova en España, importará as fórmulas de mobilidade de Pontevedra
Por Anxo Lourido
Beatriz Martínez, concelleira socialista de mobilidade no Concello de Ames e Cristina Ferreira, responsable de seguridade viaria na Policía Local deste municipio coruñés, mantiñan un encontro con responsables políticos do goberno local de Pontevedra durante este mércores.
A concelleira Carme da Silva mantiña unha reunión para explicarlles as bases do modelo de cidade e a visita completábase cunha percorrido polo centro da cidade na que as representantes de Ames estiveron acompañadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e polo concelleiro Demetrio Gómez.
A concelleira de Ames explicaba que realizaban esta visita porque Pontevedra "é unha cidade referente en calmado de tráfico e de convivencia nas rúas", para engadir que viñan empaparse desta cultura urbana.
Apuntou tamén que tentarán aprender dos erros que se cometeron na implantación deste modelo para quedar co bo e, desta forma, realizar actuacións con garantías para mellorar a mobilidade desde a súa posta en marcha.
Ames é un dos municipios con poboación máis nova en España, indicaba Beatriz Martínez. Actualmente a poboación de menores de 20 anos case duplica aos maiores de 65 anos. É o concello que presenta o mellor saldo vexetativo en Galicia, sendo a diferenza entre nacementos e falecementos de +92, e ofrece a taxa máis alta de natalidade na comunidade.
Por este motivo, a representante do goberno de Ames indicaba que queren prestar especial atención a atender á seguridade viaria da comunidade escolar, non xa só durante o traxecto aos centros de estudo senón tamén para que conten con seguridade viaria nas distintas zonas de tránsito neste municipio.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores amosou, durante a visita, a súa satisfacción porque Pontevedra sexa un referente en mellora de calidade urbana e de acougado de tráfico para outros concellos.
Relacionadas:
-
Lestoux&Associés estuda en Pontevedra trasladar o modelo de cidade a un programa do goberno francés
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
El Puerto de Santa María fíxase en Pontevedra para potenciar o seu comercio local
Por Redacción |
-
Greenpeace inclúe a Pontevedra nun documental sobre as 'cidades sen coches'
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra lanza un libro coa receita da transformación da súa mobilidade
Por Manu Otero |
-
Os ecos do 'Efecto PO2' e do modelo urbano de Pontevedra chegan ata Glasgow
Por Redacción |