Duros reproches entre gobierno e oposición a conta da violencia machista
O compromiso duns e outros coas vítimas da violencia machista xerou un cru debate cheo de reproches -PSOE e BNG por unha banda e PP e Cidadáns por outro- no pleno que a corporación municipal celebrou este luns no Teatro Principal.
Todo foi a conta da moción presentada polo Partido Popular para reclamar que o Concello crease un centro de acollida para mulleres vítimas da violencia machista, atendido por un equipo multidisciplinar, que as axude a saír desta terrible situación.
A edil Silva Junco, en nome dos populares, defendeu a importancia que teñen este tipo de centros para que estas mulleres teñan "tiempo y espacio" para "reorientar" a súa situación persoal e protexerse dos seus agresores.
Entende que é "irresponsable" que Pontevedra careza de instalacións destas características e considera que é unha medida "prioritaria" ante o incremento do número de mulleres que acoden ao Centro de Información á Muller (CIM) para asesorarse.
Os socialistas, co apoio do BNG, lograron cambiar o texto da moción introducindo unha emenda na que se reclama á Xunta que asuma a creación deste posible centro, ao lembrar a edil de Igualdade, Paloma Castro, que se trata dunha competencia autonómica.
Castro, que mostrou as súas dúbidas sobre a eficacia destes centros ao "estigmatizar" ás vítimas, defendeu que a mellor opción é contar con pisos tutelados nos que as mulleres poidan "normalizar" as súas vidas, saír á rúa e buscar traballo.
Os municipios onde existen estes centros, sinalou, é a Xunta quen os xestiona e os concellos asumen o gasto de persoal e mantemento.
A nacionalista Carme da Silva criticou os " erros de vulto" nesta moción, ao lembrar que este centro non podería dar apoio ás mulleres de Pontevedra, xa que a lexislación indica que as vítimas da violencia machista son trasladadas a cidades nas que non viven "polo risco para elas" que supoñería atoparse co seu agresor.
A intervención do líder do PP, Rafa Domínguez, que acusou os socialistas de ser "feministas de anuncio" foi a que desatou as críticas do goberno municipal. Da Silva recomendoulle a lectura do libro Los hombres me explican cosas, ao entender que pretendía dar leccións de feminismo ás mulleres que forman parte da corporación.
Moito máis dura foi Paloma Castro, que afirmou que o PP "non ten credibilidade" falando de violencia machista e feminismo "mentres sigan abrazados a VOX", un partido "misóxino" que, segundo a socialista, "manda ás mulleres a coser botóns".
Silvia Junco defendeu, para pechar o debate, que o PP "siempre estará luchando" contra a violencia de xénero e pediu a socialistas e nacionalistas que "no me den lecciones" a este respecto, xa que asegurou levar dúas décadas defendendo a mulleres maltratadas.
OUTROS ASUNTOS DO PLENO
Tampouco foi aprobada nos termos expostos polo PP a moción que defendeu o edil popular Guille Juncal, que solicitaba que todos os campos de fútbol do municipio tivesen bancadas cubertas para que estas instalacións teñan unha maior utilidade e ofrezan máis confort aos seus usuarios, especialmente durante os meses de inverno.
"O único que fai falla é vontade política", sinalou Juncal, que asegurou que estas deficiencias son "facilmente solucionables" aínda que encarezan o custo dos proxectos.
O responsable de Deportes, o socialista Tino Fernández, sinalou que o Concello ten "outras prioridades" en materia deportiva e lembrou que todos os campos contan con bancada cuberta salvo o de Gatomorto (Xeve), onde os técnicos traballan nunha solución.
Fernández avanzou que "ningún club deportivo" trasladou esta preocupación ao goberno municipal, ao que si chegaron peticións para cambiar a herba sintética da Xunqueira, para mellorar a iluminación, para habilitar oficinas, para pagar as subvencións ou para solucionar a saturación nestas instalacións municipais.
Pola contra, foi aprobada por unanimidade a moción presentada polo PP para mellorar a seguridade viaria en Pedra do Lagarto, Pintor Laxeiro e Rúa das Pereiras, xa que a Rolda Leste supuxo segundo os populares unha "barreira física" para o tránsito peonil.
Estas medidas, sinalou o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, xa foron solicitadas á Deputación e, nalgúns casos, xa executadas cunha senda peonil "mellorada" e a instalación de varios pasos de peóns.
O pleno ordinario de novembro aprobou tamén unha modificación de crédito de 4,26 millóns de euros que, na súa maior parte, servirá para que o Concello amortice gran parte da súa débeda, deixándoa en apenas oito millóns de euros, o seu nivel máis baixo desde mediados da década dos oitenta.
O PP criticou que o goberno municipal "sustrae" ese diñeiro aos cidadáns, xa que procede duns orzamentos non executados nos últimos anos, polo que instou a BNG e PSOE a rebaixar os impostos que cobran á cidadanía. "No blanquearemos su gestión, Dejen de meter la mano en el bolsillo de los pontevedreses", dixo Gerardo Pérez Puga.
O edil de Facenda, Raimundo González, lamentou as "espeluznantes" contradicións dos populares, que achacou á "ensoñación". Apuntou que municipios gobernados por eles como Sanxenxo ou Cerdedo-Cotobade tiveron, en proporción, superávits maiores e apuntou que o PP "de distraer o diñeiro ten moita experiencia".
Relacionadas:
-
Chaman ao "feminismo organizado" a manifestarse en Pontevedra contra o patriarcado e o capital
Por Redacción |
-
Escolares das Doroteas asisten por primeira vez a un pleno municipal
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O PP e o PSOE discrepan sobre as casas de acollida para mulleres vítimas de violencia machista
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra confía en alcanzar a 'débeda cero' antes de que remate o mandato
Por Alejandro Espiño |