A Xunta analiza cos veciños de Chancelas a instalación dun paso de peóns na PO-308
Por Oskar Viéitez
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron este xoves unha reunión cos veciños de Chancelas para analizar a instalación dun paso de peóns na PO-308.
Os responsables da Xunta explicaron que, dende o punto de vista técnico, "as condicións de seguridade axeitadas para dispor dese paso daranse coa execución da nova senda prevista". Non obstante, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas "analizarán a posibilidade de anticipar a súa habilitación".
En todo caso, e de forma inmediata, a Xunta procederá a instalar sinais con luces de destelos tipo led para advertirlles aos condutores da presenza de peóns.
Na reunión trasladóuselle aos veciños que "a Xunta está de acordo en situar o paso de peóns máis preto de onde a plataforma demanda".
Durante o encontro, o director da AXI explicou o estado de tramitación dos proxectos das sendas, e recordou que a Xunta reforzará a seguridade viaria na estrada autonómica PO-308 entre Fontenla e Samieira, a través de actuacións complementarias á construción das sendas peonís previstas nas marxes da vía. "Esas actuacións permitirán atender en gran medida as solicitudes feitas públicas polos veciños da zona", afirmaron.
Esas obras complementarias "suporán importantes melloras" con respecto aos proxectos de construción das sendas que foron sometidos a información pública a finais do pasado ano 2018.
En canto á solicitude da instalación de máis prazas de aparcamento nas zonas onde se actuará para instalar a nova senda, Francisco Menéndez explicoulles que "se trata dun tema de competencia municipal que debe resolverse, como tamén debería de estar estudando o concello a renovación dos servizos municipais como o abastecemento, de cara a aproveitar as obras que se van a levar a cabo".