Resolto o problema de filtracións de auga no Mercado de Abastos
Por Redacción
Yoya Blanco, a concelleira de Promoción Económica, achegábase este venres ao Mercado de Abastos de Pontevedra para comprobar o estado das pingueiras que se detectaban nunha zona do teito que se atopaba sobre un dos espazos de venda de peixe e marisco.
Nas últimas horas, os fontaneiros realizaron traballos ata as 21.00 horas ata que detectaron o punto en que se orixinaban as filtracións. A continuación, resolveron a avaría que se atopaba na placa da rede contraincendios, que estaba completamente asolagada. Tratábase dunha fuga que non foi fácil de detectar, segundo indicou Yoya Blanco.
A concelleira anunciou que se agardará a que pase este período de fortes choivas e a que a placa se baleire de auga para comprobar se existe algunha outra filtración e resolvela. Indicou ademais que as placeras no momento en que detectaron a incidencia puxéronse en contacto con ela para alertala e xa se adoptaron as medidas técnicas necesarias para atopar a solución nun breve prazo de tempo.