O PP inicia co sector do taxi unha rolda de contactos para avaliar os problemas de tráfico en Pontevedra
Por Redacción
Os concelleiros do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez e Pablo Fernández, iniciaron este luns unha serie de encontros con diferentes colectivos que se atopan afectados "pola mala xestión da circulación do tráfico que se realiza desde o Concello de Pontevedra".
A primeira destas reunións foi con taxistas da cidade, que trasladaron aos populares a súa visión de varios temas expostos por Domínguez, entre eles, como se pode afrontar "excesiva concentración de coches" en determinados puntos da cidade e a "falta de medidas para axilizar as caravanas que se forman a diario en diferentes zonas críticas" da cidade.
"Tratamos de contar co maior número de testemuños para avanzar cara á solución do que se converteu nun dos maiores quebradeiros de cabeza para os pontevedreses", defendeu Domínguez, que urxiu a necesidade de que se realice un estudo independente e integral e que se marque, xunto coa experiencia destes colectivos, unha hora de roteiro "para elaborar unha batería de propostas para atallar os grandes atascos que se forman".
"É fundamental escoitar a todos os afectados, desde os propios condutores, os peóns, e os profesionais do transporte da nosa cidade que teñen que enfrontarse a diario a un Concello que non lle pon nada fácil poder realizar o seu traballo", recalcou Domínguez, que lles transmitiu aos representantes dos taxistas que se trata "do momento adecuado para traballar na reordenación do tráfico en Pontevedra e o consecuente fomento da mobilidade sustentable no municipio".
"Tras 20 anos negando a necesidade de transporte público urbano, agora o Concello por fin asume que é competencia municipal. Esperemos que tamén se tome en serio e se poña a traballar no caos circulatorio e os atascos que se forman en determinados puntos da cidade e que non para de ir a máis", concluíu o popular.