Sanxenxo instalará cámaras para controlar o tráfico e os aparcamentos no municipio
Por Alejandro Espiño
O 'gran irmán' do tráfico co que contan, entre outras, cidades como Pontevedra é a idea que busca replicar o Concello de Sanxenxo. O goberno municipal prevé instalar un sistema de vixilancia de control do tráfico nos puntos de maior afluencia.
Sinalan desde o Concello que será unha instalación "moi útil" para coñecer en tempo real a situación do tráfico no municipio e poder tomar decisións para optimizar os recursos humanos e materiais da Policía Local.
Ademais, estudarán instalar cámaras nos aparcamentos municipais gratuítos para coñecer o grao de ocupación destes espazos e mostrar os datos en pantallas de información, de maneira que o condutor que faga os seus desprazamentos saiba se hai prazas dispoñibles.
Esta é unha das cuestións nas que traballou o edil de Obras e Servizos, Óscar Vila, que acaba de regresar de Barcelona, cidade na que asistiu á Smart City World Congress para coñecer tecnoloxías que poidan ser aplicables a Sanxenxo.
O responsable municipal mantivo, entre outros contactos, unha reunión cunha empresa que xestiona e controla aparcamentos sen necesidade de parquímetros co uso dunha simple aplicación, sistema que Sanxenxo quere aplicar na zona azul durante os meses de verán.
Dispositivos, sensores, apps, bicicletas urbanas ou pantallas informativas son outras opcións nas que se interesou o goberno municipal de Sanxenxo para incorporar á súa estratexia de converter ao municipio nun destino turístico intelixente.
Durante o seu percorrido pola feira, Óscar Vila coñeceu as últimas tendencias en columnas multiusos, que permiten ter puntos de luz, puntos wifi, pantallas informativas ou puntos de recarga móbil; e ademais analizou novos sistemas de xestión dos residuos urbanos.
Relacionadas:
-
Xa hai wifi gratuíto nas inmediacións do porto deportivo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Este xoves cambia de dirección un tramo da Avenida de Madrid
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo recadou máis de 382.000 euros en 2019 por sancións da Policía Local
Por Redacción |
-
O goberno local de Sanxenxo pretende instalar cámaras para controlar o tráfico
Por Oskar Viéitez |