A Garda Civil intervén 300 dose de heroína, cocaína e cannabis no operativo antidroga no Grove
Por Redacción
A operación contra o tráfico de drogas Hortarrío na que a Garda Civil detivo este martes a dúas persoas no Grove pechouse coa incautación de máis de 300 dose de heroína, cocaína e cannabis.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, dáse por desarticulado un importante punto de venda e distribución de estupefacientes nun piso desta localidade. Na propia vivenda xa incautaron preto de 300 dose de cocaína e unha importante cantidade de diñeiro en efectivo.
As investigacións iniciáronse o pasado mes de maio tras ter coñecemento da Garda Civil de que este piso, que se atopa situado nunha céntrica rúa do Grove, podíase estar a utilizar como punto de distribución e venda de droga polo miúdo, xerando na veciñanza unha situación de inseguridade pola afluencia de consumidores habituais de estupefacientes que frecuentaban o inmoble.
Por mor das investigacións realizadas evidenciáronse as sospeitas. A área de Investigación do Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo realizou unha serie de dispositivos de vixilancia co apoio doutras unidades da Compañía de Vilagarcía de Arousa e chegaron a interceptar a varios consumidores habituais inmediatamente despois de comprar a droga nesta vivenda.
O operativo culminou este martes coa detención das dúas persoas que supostamente estaban a utilizar o piso como punto de venda de estupefacientes aos consumidores da comarca. Trátase de dous veciños do Grove e Cambados, de 32 e 36 anos respectivamente, con amplos antecedentes policiais, aos que se lle atribúe un delito contra a saúde pública.
A continuación, levou a cabo un rexistro no domicilio, que contou co apoio do can detector de drogas do Servizo Cinológico da Garda Civil con base en Vigo. Interviñéronse algo máis de 300 dose de distintas drogas: as case 300 de cocaína e pequenas cantidades de heroína e haxix, básculas de precisión, útiles para a embalaxe, unha pistola de fogueo e diñeiro en efectivo, ademais doutros efectos presumiblemente procedentes de roubos.
Os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Garda de Cambados.
A operación continua aberta e non se descartan novas actuacións.