Pontevedra compartirá palestra con Málaga e Noaín (Navarra) no cume mundial do clima
Por Alejandro Espiño
A organización do cume mundial do clima que se celebrará en Madrid entre os días 2 e 13 de decembro detallou este xoves como será o evento no que participará como relator o Concello de Pontevedra, única cidade galega en ser convidada a esta cita de traballo da comunidade internacional contra a emerxencia climática.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, será a persoa que explique o modelo urbano de Pontevedra dentro dunha xornada que, baixo a denominación de "Axenda urbana e cambio climático", desenvolverase no Palacio de Zurbano o 4 de decembro.
A participación de Fernández Lores enmárcase dentro dunha mesa redonda que analizará, segundo a organización, "experiencias inspiradoras" en materia de urbanismo e clima.
Pontevedra compartirá faladoiro, entre outros, cos responsables dos plans polo clima deseñados na cidade de Málaga e Noaín (Navarra) ou co subdirector xeral de Biodiversidade e Medio Natural do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
O alcalde, antes do debate, terá quince minutos para detallar, entre outras cuestións, como foi a transformación urbana de Pontevedra e cales foron os logros ambientais que converteron á Boa Vila nunha referencia internacional.
A xornada incluirá outra mesa redonda na que se analizará o papel das cidades na prevención e redución de impactos e na mellora da resiliencia, que contará con diversos expertos en urbanismo, saúde das cidades e comunicación.
Esta é a segunda vez que Pontevedra é convidada a participar no cume mundial do clima, despois de participar a finais de 2015 na cita celebrada en París.
Relacionadas:
-
Pontevedra regresará ao Cumio do Clima para falar da saúde nas cidades
Por Alejandro Espiño |
-
Cumio do Clima | Lores advirte que "non hai escusas" para non "facer cousas xa" para combater a crise climática
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, invitada ao Cume do Clima de Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
A preocupación polo cambio climático aumenta os convites internacionais a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |