A Policía Local de Sanxenxo revisa as licenzas dos locais de hostalería e comercios do municipio
Por Redacción
A Policía Local de Sanxenxo iniciou unha rolda de visitas a máis de 1.000 establecementos do municipio para comprobar o estado da súa licenza. En caso de detectar calquera deficiencia emendable, concederase un prazo para corrixir as irregularidades advertidas.
O pasado mes de setembro a Xunta publicaba un novo catálogo no que se recollen os diferentes espazos públicos de lecer e actividades recreativas e as licenzas de actividade que require cada lugar.
Con esta nova normativa decaen unhas categorías e irrompen outras, xa que se incorporan actividades que ata o de agora non tiñan asignación concreta, como os espectáculos pirotécnicos, as salas de concertos ou os parques multiocio que empezan a asentarse nas cidades.
O desenvolvemento da Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, na que se enmarca este catálogo, tamén establece criterios firmes para determinar a capacidade ou aforo dos establecementos e espazos públicos, que queda fixado en dúas persoas por metro cadrado de espazo computable.
Ademais, xa se prevé a posibilidade de que nun mesmo local ou recinto desenvolva máis dun tipo de espectáculo ou actividade sempre que sexan compatibles entre si, e terán encaixe outras actividades económicas, aínda que non se axusten a esta lei, como pode ser un comercio.
O goberno local de Sanxenxo levaba ao pasado pleno de novembro, a primeira ordenanza reguladora de terrazas, na que se indica que non poderá ter terraza un local que non teña a súa licenza en regra.
Tamén se están revisando calquera outro local que teña licenza de actividade, aínda que non sexa de hostalería, como poden ser os comercios.
Relacionadas:
-
Os hostaleiros de Sanxenxo deben renovar a licenza de terrazas antes de que finalice o mes de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo recadou máis de 382.000 euros en 2019 por sancións da Policía Local
Por Redacción |
-
A futura ordenanza de terrazas de Sanxenxo non se aplicará ata xuño de 2021
Por Oskar Viéitez |