Un mozo de 21 anos, detido por abusos sexuais en trens entre Pontevedra e Vigo
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un mozo de 21 anos, veciño de Soutomaior, que está acusado de varios abusos sexuais a mulleres que viaxaban en trens que unían as cidades de Pontevedra e Vigo.
A investigación policial por estes episodios, segundo confirmaron fontes policiais, comezou o pasado mes de agosto por mor das queixas presentadas por varias viaxeiras no departamento de seguridade de Renfe en Vigo.
Nelas, estas mulleres denunciaban que durante o traxecto foran vítimas de tocamentos contra a súa vontade por parte dun mozo.
Os axentes da Policía Nacional descubriron que esta persoa adoitaba subirse aos trens que, á primeira hora da mañá, partían da estación de Vigo-Guixar cara Pontevedra. Facíao vestido co chaleco dunha empresa e sentaba sempre á beira dunha pasaxeira que viaxase soa para tentar abusar dela.
"Ao sentar ao seu lado para abusar sexualmente delas non só busca a situación para atacalas, senón que tenta garantir a consecución do fin ocultando o seu rostro cun pasamontañas ou gorra para que non poida ser identificado", explica a Policía nun comunicado remitido aos medios.
Este tipo de feitos, recoñece a Policía, causan unha "gran alarma social" e unha sensación de intimidación ás viaxeiras, quen se atopa cun "auténtico depredador sexual" que actúa de forma "reiterada e continuada no tempo" buscando a indefensión das mozas ao aproveitar que o tren circula case baleiro.
A investigación, que incluíu a denuncia expresa de catro mulleres, permitiu identificar o sospeitoso e detelo na estación de Guixar o pasado luns. Xa tiña antecedentes penais por este tipo de delitos e constábanlle dúas ordes de afastamento.
O xulgado de instrución número 8 de Vigo decretou a súa posta en liberdade e, segundo traslada o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, non se lle impuxo ningunha medida cautelar como impedirlle o acceso ás estacións para evitar que repita a súa conduta.
A Policía, mentres tanto, segue investigando os feitos para localizar a todas aquelas persoas que puidesen ser obxectivo destes abusos sexuais. Para iso, distribuíu unha imaxe do sospeitoso por se alguén o recoñece e quere denuncialo.