Lectura pública da Declaración Universal dos Dereitos Humanos polo seu 71 aniversario
Por Redacción
Trinta persoas participarán o vindeiro luns 9 de decembro nun acto homenaxe á Declaración Universal dos Dereitos Humanos no seu 71 aniversario que terá lugar na Casa das Campás de Pontevedra a partir das oito da tarde.
O acto organízao o Grupo de Acción de Amnistía Internacional en Pontevedra para conmemorar o aniversario desta Declaración Universal, proclamada por la Asemblea Xeral das Nacións Unidas en París, en decembro de 1948.
Trinta representantes de asociacións e cidadáns de distintos ámbitos lerán cada un dos trinta artigos do documento co obxectivo de facer chegar a cidadanía a importancia de respectar, preservar e coidar estes dereitos, que son indivisibles e inalienables.
O acto estará aberto ó público xeral ata completar aforo e rematará cun brinde polos dereitos humanos e unha foto de grupo.
Ademais, recolleranse firmas para a campaña 'Xóganse a vida', que Amnistía Internacional puxo en marcha para recordar a situación de defensores dos dereitos humanos como Marinel Sumook, de Filipinas, que tras sofrer as consecuencias dun tifón, converteuse en defensora dos dereitos medioambientais e polas condicións de vida da súa comunidade; Sarah Mardini e Seán Binder, de Grecia, voluntarios de salvamento marítimo na illa de Lesbos,que poden ir á cadea pola súa tentativa de salvar vidas de migrantes que corrían o risco de afogar; ou Yasaman Aryani, de Irán, condenada a 16 anos de cárcere por protestar contra o uso obrigatorio do velo.