Unión e loita contra a violencia de xénero desde os muros do cárcere da Lama
Por Redacción
A dirección do centro penal da Lama, as internas e a Deputación Provincial de Pontevedra uníronse nunha iniciativa que busca loitar contra as desigualdades e a violencia de xénero no interior do penal pontevedrés: un mural colaborativo no módulo 10 coas palabras 'Respecto, forza, unión, loita e apoio'.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a directora da Lama, Teresa Delgado, inauguraron este mércores o grafiti colaborativo, que adorna unha das paredes do módulo 10 de mulleres e busca representar a unión e irmandade entre mulleres nun contexto de risco ou vulnerabilidade social.
Este mural enmárcase dentro da programación de actos postos en marcha no centro con motivo da celebración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e forma parte da campaña da Deputación 'Sementando para a igualdade'.
A grafiteIra Iria Fafián, que estivo presente este mércores na inauguración, colaborou ao longo do pasado mes de novembro coas internas nesta acción que promove o uso da arte como axente mobilizador de conciencias.
Esta iniciativa buscou implicar a un grupo de mulleres internas na acción artística para promover unha actitude crítica fronte á desigualdade. O resultado é unha obra de oito metros de ancho e seis de alto que mostra dúas mulleres apoiadas nas súas costas como símbolo do apoio, a confianza e, en definitiva, a sororidade, concepto do que partiu a artista coordinadora para vertebrar o mural.
A presidenta provincial, Carmela Silva, departiu coas mulleres internas que participaron na elaboración do mural e agradeceulles o seu compromiso con esta acción colectiva, á vez que manifestou que cre "profundamente" no poder transformador da arte para reivindicar as causas que merecen a pena como a loita pola igualdade e a súa capacidade de denuncia.
Relacionadas:
-
Dentro do módulo mixto da Lama: un espazo para reeducar en igualdade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un incendio provocado obriga a evacuar a enfermería do cárcere da Lama
Por Redacción |
-
O "gran avance" en igualdade do módulo mixto da Lama centra a celebración do día da Mercé
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O FICBUEU máis social: como premio, unha cerámica elaborada por internos do cárcere da Lama
Por Natalia Puga |
-
Convivencia e reinserción social, prioridades da nova directora da prisión da Lama
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Cambio histórico no cárcere da Lama: por primeira vez haberá unha muller directora
Por Natalia Puga |