
© Deputación de Pontevedra
Un museo en Irún, "referente total" para o futuro centro de arqueoloxía de Valdecorvos

Por Alejandro Espiño
O Museo de Pontevedra xa ten unha idea clara do que quere para o futuro centro de arqueoloxía que abrirá en Valdecorvos. O Centro de Coleccións Patrimoniais de Guipúscoa, o Gordailua, será o "referente total" cara o que camiñará a institución pontevedresa.
Así o indicou o director do Museo, José Manuel Rey, que viaxou ata Irún para visitar este edificio, do que destacou que está concibido e ben pensado dende o inicio para aloxar os fondos arqueolóxicos, cunha definición de espazos e de áreas funcionais moi ben estruturadas e dotado cos equipos e medios precisos para desenvolver as súas funcións.
"É o concepto a seguir", sinalou o director do museo pontevedrés, aínda que recoñece que a proposta deberá trasladarse, en calquera caso, ao tamaño e ás condicións específicas de Pontevedra, onde unicamente se pensará o novo inmoble para acoller a colección arqueolóxica, mentres que o Gordailua garda tamén fondos de outras disciplinas.
O centro guipuscoano é ademais, como pretende ser o novo edificio de Pontevedra, unha peza "atractiva" dende o punto de vista construtivo, ao tempo que ten a vantaxe de que "igual que nós" depende da deputación provincial.
Sinalou, así mesmo, que están pensados todos os espazos, as circulacións, as distribucións por planta dos distintos materiais, espazos para xestionar a colección de xeito integral e espazos de conservación.
"Téñeno todo. Son un modelo perfectamente exportable", subliñou José Manuel Rey, que considera que "temos xa moitos vimbios para definir o proxecto".
O edificio do Gordailua foi deseñado polos arquitectos Pedro Astigarraga e José León Lasarte e construíuse entre 2009 e 2011. De planta rectangular, as láminas das súas catro fachadas danlle o aspecto dunha caixa, un edificio singular de máis de nove mil metros cadrados de superficie útil que destaca entre as vivendas e pavillóns da contorna.
Os obxectos están custodiados en oito almacenes que ocupan o setenta por cento da superficie total. Nos depósitos as pezas consérvanse en condicións de humidade e temperatura adecuadas aos seus materiais e composición e, en todo caso, a humidade relativa sempre é inferior ao 60% cunha temperatura entre os 18 e os 20 graos.
Ademais, hai salas especiais con parámetros específicos para metais, papel e tecidos, oficinas, talleres de restauración, salas de rexistro e fotografía, espazos de corentena e tránsito, biblioteca, dúas salas de consulta e investigación e dúas salas polivalentes. Nestas últimas celébranse seminarios, conferencias, e exposicións, entre outros eventos.
Relacionadas:
-
Comeza a roza da parcela de Valdecorvos que albergará o novo edificio de Arqueoloxía do Museo
Por Redacción |
-
Representantes do Museo de Pontevedra viaxan a Barcelona en busca de ideas para o edificio de Arqueoloxía de Valdecorvos
Por Redacción |
-
O novo edificio do Museo destinado á arqueoloxía estará en Valdecorvos
Por Alejandro Espiño |