Os menús picantes de Pepe Solla triunfan no showcooking do Mercado
Por Anxo Lourido
O Mercado de Abastos é, durante esta semana, un escenario para exhibicións culinarias por parte dalgúns dos máis prestixiosos cociñeiros locais. O debut nestes showcooking que se desenvolven no segundo andar correu a cargo de Pepe Solla.
O cociñeiro chegou ao mercado sobre as 11 da mañá sen saber que ía preparar. Foi percorrendo os postos de venda do Mercado en busca de produtos que puidesen resultar estivais e atractivos durante a mostra. E así comprou sardiñas, un xurelo grande e tomates. Por menos de vinte euros xa tiña os ingredientes fundamentais para realizar dous pratos de rápida preparación. "Yo quería hacer la actividad completa: comprar y cocinar. Me parece mucho más real. Y hoy había mucha vida y mucho producto", afirmou o cociñeiro.
Máis de trinta persoas achegáronse ante a cociña instalada a xeito de set televisivo e alí, Pepe Solla cun micrófono de orella ía relatando os pasos que daba para preparar a sardiña mariñar con sopa de tomate picante. O público gravaba e fotografaba cada unha das accións do chef que explicaba trucos para torar o peixe ou sobre a preparación das salsas: "los guisos resultan pesados porque nos excedemos con el aceite cuando hacemos el fondo".
En media hora, o prato estaba preparado e chegaba o momento que todos estaban a esperar: o da degustación. A través duns pequenos recipientes, trinta persoas puideron degustar o picante sabor dun preparado moi estival formado por tomate, cítricos e sardiñas. "El picante potencia los sabores" afirma o cociñeiro "y te ayuda a mantenerlos".
O segundo prato tamén se baseaba nos mesmos principios. "Quería preparar pescados con cocciones distintas, nada de planchados, de asados, ni fritos". E así, baixo a influencia da súa última viaxe a México, preparou un xurelo mariñar con sal e acompañado con "chile jalapeño".
O resultado foi outra nova experiencia para o gusto do numeroso público. Unha traballadora do Mercado achegouse ata o set e preguntou a Solla se o vexetal que adornaba o preparado era leituga. O camareiro contestoulle: "no, es una mini acelga pero se puede comer y está muy rica".
O chef indicou que esta iniciativa organizada pola concellería de Promoción Económica resulta moi interesante para dinamizar o Mercado de abastos: "aquí se ofrece lo que es de temporada, ves cómo los productos cambian con las estaciones. Además es una apuesta por la economía local".
Solla cre que, neste momento de boom dos cociñeiros, a popularidade resulta excesiva "tampoco merecemos tantas atenciones. Nuestro oficio pasó de estar enclaustrado y de no conocernos nadie a ser casi estrellas. Está muy bien el reconocimiento pero no perdamos el norte, porque lo nuestro es cocinar".
Este mércores 17 será Casa Román quen se encargue, a partir das 12 do mediodía, de ofrecer unha nova preparación. E nos próximos días, ÿscar Abal e Adrián Fuentes (A Punto), José Pou (Room) e Iñaki Bretal (Eirado da Leña) pasarán pola cociña situada no segundo piso da Praza de Abastos.