Deseñan unha marca de roupa 'en braille' para recoñecer cores, talles e estilos co tacto
Por Alejandro Espiño
Un innovador proxecto, deseñado por dúas alumnas do IES Montecelo, vén de ser recoñecido nos premios Eduemprende Idea 2019, un certame impulsado pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño.
Trátase de Luscofusco (The Braille's T-Shirts), unha marca de roupa independente creada por Iria García Viñas e Thalía Diego Martínez.
A idea xurdiu tras detectar a necesidade no mercado téxtil de pezas que permitan que as persoas invidentes poidan relacionalas doadamente co seu estilo ou o seu gusto sen dependeren doutra persoa para que llas describa.
Desta forma búscase facilitarlle á persoa invidente unha sensación de independencia e realización, ao poñer ao seu alcance deseños sinxelos de imaxinar ao tacto, creativos, orixinais e, ademais, cunha etiquetaxe que conteña a información do produto en braille.
O negocio consiste na impresión nas pezas con vinilo téxtil, creando un relevo arredor do deseño que ofreza unha doada comprensión ao tacto, ademais de levar en cada produto unha etiqueta en linguaxe braille e en alfabeto común.
O segundo premio alcanzado por este proxecto emprendedor ten unha dotación económica de 2.000 euros e permitirá a súa incorporación a un viveiro de empresas da Consellería de Educación e no asesoramento técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).