Atopan novos vestixios da ocupación romana nunhas obras na Enfesta de San Telmo
Por Redacción
De novo, unha obra que se executa no Centro Histórico de Pontevedra descubre novos achados da orixe romana da cidade. En concreto, foi durante os traballos de canalización de servizos que o Concello de Pontevedra está facendo na rúa Enfesta de San Telmo, entre o Parador de Turismo e o Colexio de Aparelladores. Trátase dunha obra que quedara pendente na reurbanización desta zona.
No momento de abrir as zanxas para colocar as canalizacións, acháronse estruturas romanas, tal e como sospeitaban os servizos de arqueoloxía do Concello de Pontevedra que consideran que esta é a zona de Pontevedra con máis potencialidade romana.
O achado é, en principio, e á expensas de máis estudos, un muro duns 60 centímetros de ancho que puido pertencer a unha edificación.
O servizo de arqueoloxía xa iniciou todos os traballos de documentación deste achado e está a estudar como integrar e compatibilizar estes restos coa obra que se vai a acometer na rúa.
Con este novo achado e outros de maior ou menor entidade, o Concello asegura nun comunicado que está a compoñer un puzzle da ocupación romana en Pontevedra.