A estrada de acceso a Perdecanai pasa da Deputación ao Concello de Barro
Por Redacción
O treito da estrada provincial EP-0505 que se une coa N-550 á altura da igrexa de Perdecanai, que funciona de acceso a este núcleo de poboación, será desde mañá martes titularidade do Concello de Barro.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este luns no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Barro desta estrada.
Con este cambio de titularidade, o concello pontevedrés terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. Este decreto será efectivo este martes.
O concello pontevedrés solicitou á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade dun treito de 1,2 quilómetros desta vía que da acceso aos núcleos de poboación da parroquia. Esta petición dá cumprimento ao previsto nun convenio asinado entre as dúas administracións.
A Deputación aprobou o cambio de titularidade proposto, polo que emitiu informe favorable para a transferencia deste treito e solicitou o cambio de titularidade desta estrada á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
A transferencia a prol do Concello tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.