Soben os prezos dos aparcadoiros da Praza de España e de Montero Ríos
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra decidiu actualizar as tarifas dos aparcadoiros da praza de España e de Montero Ríos coa entrada do novo ano.
Desta forma, a concesionaria do aparcadoiro da praza de España pode subir os prezos nun 8,1%, atendendo aos incrementos do IPC do últimos nove anos. Segundo afirmaba a portavoz municipal Anabel Gulías, é a primeira vez que se rexistra unha subida nas tarifas desde a apertura deste estacionamento. O incremento será progresivo. Un 80% nos primeiros 40 minutos e un 20% nos seguintes 20 minutos.
Da mesma forma, o aparcadoiro de Montero Ríos subirá nuns 0,019 euros por minuto. A tarifa mantíñase conxelada desde 2010, segundo o goberno local.
O Concello tamén aprobaba o expediente de contratación do proxecto de conservación da rede semafórica da cidade. Será un investimento de 583.982 euros ao longo de 4 anos coa posibilidade dun ano de prórroga. O custo anual do servizo sitúase en 146.000 euros.
Por último, a Xunta de Goberno tamén aprobaba a subida do servizo da guindastre pero sen repercusión directa para a cidadanía. Actualízase ao IPC do custo deste servizo, cun incremento de 2.400 euros. O custo xeral do servizo sitúase en 595.972 euros.