A lusofonía, unha "vantaxe competitiva" para a economía galega
Por Redacción
"Nun mundo cada vez máis globalizado e interconectado, as relacións históricas de Galicia con Portugal e os territorios intercontinentais de lingua oficial portuguesa sitúannos diante dunha oportunidade histórica". Esta é unha das principais conclusións recollidas no libro Galicia e a lusofonía diante dos desafíos globais, resultado do III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, que o pasado mes de marzo celebrouse na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Editado pola Universidade de Vigo, o volume reúne as achegas de preto de 20 expertos de diferentes países e pon o foco na "vantaxe competitiva, empresarial, comercial, cultural, deportiva, social e cooperativa" que para Galicia supón o espazo da lusofonía, unha comunidade integrada por preto de 260 millóns de persoas.
Coordinado polos codirectores do congreso, os investigadores do Observatorio da Gobernanza Celso Cancela e Álvaro Xosé López Mira e o director do Igadi, Daniel González Palau, o volume pon de relevo nas súas conclusións a necesidade de "tomar medidas urxentes para materializar estas vantaxes comparativas", sinalando como un dos "retos inmediatos" a potenciación do ensino da lingua portuguesa en Galicia.
"O portugués é o idioma máis falado no hemisferio sur", lembra López Mira, que pon o acento na importancia de aproveitar as vantaxes que a lusofonía supón para Galicia no mundo global, xa que, sostén, "teño claro que se as desperdiciamos nos extinguimos como pobo".
De aí que unha das conclusións do libro sexa a de que "canta máis identidade galega, máis vantaxe competitiva". López Mira destaca así mesmo a importancia de promover o ensino de portugués, unha das medidas recollidas na chamada Lei Paz Andrade, de aproveitamento da lingua portuguesa e promoción de vínculos coa lusofonía, aprobada en 2014 por unanimidade polo parlamento autonómico.