Poio impulsa varios roteiros para divulgar o Camiño de Santiago entre a veciñanza
Por Redacción
Máis de medio cento de veciños e veciñas de Poio poderán participar nos roteiros que, desde o vindeiro 25 de xaneiro, impulsará o goberno municipal para dar a coñecer as diferentes rutas do Camiño de Santiago.
Trátase do programa O meu Xacobeo: 8 fitos do Camiño de Santiago, unha actividade gratuíta que se desenvolverá durante varios sábados do primeiro trimestre de 2020.
A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, foi a encargada de explicar os detalles destes roteiros, que estarán coordinados por Santiago Boullosa, do Instituto para el Desarrollo Educativo y Cultural.
Destacou o "carácter familiar" da actividade, que está pensada para xente de todas as idades (a partir de seis anos) e que tamén permitirá fomentar hábitos saudables.
Tui, que forma parte do Camiño Portugués, será a primeira parada dos participantes. Esta ruta farase o 25 de xaneiro. Posteriormente, o 1 de febreiro, partirase desde Poio ata San Cristovo de Cea, para dar a coñecer parte da Vía da Prata.
Unha semana máis tarde (día 8), cobrará protagonismo o Camiño Francés (Poio - O Cebreiro). A última quenda deste mes será o día 15 (farase un alto na programación co gallo do Entroido), coa ruta Poio - Bóveda, pertencente ao Camiño Primitivo.
Con respecto ás saídas programadas para o mes de marzo, os lugares a visitar serán Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), Pontedeume (Camiño Inglés), Catoira (Ruta do Mar) e Muxía (Camiño de Fisterra).
O prazo de inscrición para cada ruta abrirase nos días previos e pecharase ás 12.00 horas da última xornada fixada a tal efecto. As inscricións poderanse realizar no propio Concello de Poio. Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto.
Á hora de completar as prazas terán preferencia as persoas empadroadas na vila e, tal e como destacan desde o Concello, para participar non é preciso contar cunha preparación específica. As saídas levaranse a cabo sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.
Relacionadas:
-
Os populares quéixanse do estado do tramo da Ruta do Padre Sarmiento do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Duascentas cerdeiras plantadas por escolares florecen o Camiño ao seu paso por Poio
Por Redacción |
-
Román Rodríguez destaca a "crecente relevancia" de Pontevedra e o Camiño Portugués no "panorama xacobeo"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Chalecos para previr os atropelos de peregrinos
Por Redacción |