![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/00d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5e1de994d1-20200114-reunion-ethel-vazquez-con-se-medioambiente-1-.jpg)
© Xunta de Galicia
A Xunta ofrece colaboración ao Goberno de España para as obras de saneamento da Illa de Arousa, Sanxenxo e Poio
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia propúxolle ao Goberno de España un "acordo global de colaboración" para impulsar conxuntamente as obras de saneamento máis prioritarias para a Comunidade autónoma.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo este martes unha xuntanza co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que abordaron a situación das principais necesidades en materia de augas en Galicia.
A conselleira trasladou a disposición da Xunta a colaborar economicamente, achegando fondos propios da Comunidade Autónoma, para cofinanciar as actuacións de saneamento declaradas de interese xeral do Estado, como son as obras da Illa de Arousa, e de Raxó (Poio) e Sanxenxo.
Ademáis a conselleira solicitou a colaboración do Ministerio para a Transición Ecolóxica na tramitación necesaria para construír o novo emisario submarino da depuradora de Pontevedra e facilitar o saneamento da ría.
A Xunta achegaría fondos propios para cofinanciar as obras de interese xeral do Estado en Galicia e o Goberno colaboraría con fondos europeos do treito estatal a impulsar outras actuacións igualmente necesarias na Comunidade. Este acordo permitiría aproveitar os fondos Feder do actual período operativo dos que dispón o Estado para atender necesidades de saneamento urxentes e que dispoñen de proxectos para executarse a curto prazo.
A Xunta confirma o seu compromiso co cofinanciamento das obras da depuradora de Santiago de Compostela, e avoga por concretar os termos nun acordo de colaboración. Ethel Vázquez solicita que o abastecemento de auga a Vigo sexa declarado de interese xeral do Estado, seguindo o modelo de Pontevedra e Ourense, para dotalo de plenas garantías de financiamento. Reitera a demanda de que se liciten o antes posible as obra de dragaxe da ría do Burgo.