O Concello colaborará con Zona Monumental para manter a feira Stock Pontevedra
Por Redacción
O goberno municipal ofreceu a súa colaboración para que a asociación Zona Monumental poida manter a celebración da feira Stock Pontevedra. Así o adiantou a concelleira de Promoción económica, Yoya Blanco, durante a xuntanza da Mesa Local de Comercio.
O encontro fora convocado a petición da propia Zona Monumental coa finalidade de solicitar un informe municipal sobre a celebración, os días 7, 8 e 9 de febreiro, do salón das oportunidades Stock Pontevedra.
Ante as dúbidas sobre a capacidade da asociación para poder soster no tempo a feira, Blanco avanzou o seu compromiso de colaborar cunha achega económica para manter unha actividade que resulta "moi importante" para os pequenos comerciantes de roupa e "realmente interesante" para os cidadáns.
A este respecto, a edil asegurou que o Concello fará "todo o que estea nas súas mans" para protexer unha actividade, a do comercio local de Pontevedra, que resulta "absolutamente prioritaria" nos plans do goberno municipal.
Este respaldo, que continuará a materializarse en accións de fomento dos diferentes sectores, foi transmitido aos asistentes á mesa, entre os que estaban voceiros de diversos colectivos de comerciantes da cidade, entre eles AJE, Zona Monumental, AEMPE, praceiras do mercado de abastos ou vendedores das Galerías Oliva.