A Xunta achega unha proposta de financiamento á Mesa do Viño de Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, presidiu este xoves en Pontevedra a reunión da Mesa do Viño de Rías Baixas na que as partes mostraron boa disposición para chegar a acordos.
Un encontro entre produtores, adegueiros, organizacións agrarias e administración que se enmarca na liña de traballo coa finalidade da firma de contratos homologados nesta Denominación de Orixe.
Neste caso a Xunta actúa como promotora dun posible acordo entre as partes, xa que non pode impoñer a firma destes.
Entre as novidades analizadas encóntrase a proposta da Xunta referida ao apoio ao financiamento para a compra da uva aos viticultores a partir de contratos homologados. Ademais analizouse o feito de non incluír prezos mínimos a raíz da normativa europea para a defensa da libre competencia.
O encontro quedou emprazado a unha segunda reunión o día 30 de xullo para que o sector dispoña de máis tempo para analizar todas as cuestións tratadas nesta reunión.
Á saída do encontro, despois de tres horas de reunión, as partes coincidiron na utilidade dos contratos homologados xa que contribúen a estabilizar as relacións entre as partes e a mellorar o funcionamento da cadea de valor do viño acabando cos especuladores.
Igualmente viticultores e adegueiros, apuntaron que a vendima deste ano nesta Denominación de Orixe será menor que en anos anteriores, en torno aos 30 millóns de quilos de uva.
O pasado ano 2012 no pacto de prezos de referencia para o contrato homologado na denominación de orixe Rías Baixas acordouse pagar pola uva non menos de 1 euro o quilo. A táboa de prezos establecía varios valores en función da graduación da uva, entre 1 un euro e 1,40 euros o quilo, IVE engadido.
Ademais orientouse que os prezos en futuras campañas se moverían entre os 0,90 euros para unha produción de máis de 36 millóns de quilos e unha uva de once graos de alcohol e 1,50 euros para producións de menos de 24 millóns de quilos para uvas de trece graos.