BNG e PSOE rexeitan a "ocurrencia" do PP de liberar agora a peaxe entre Pontevedra e Curro
Moito se falou de Pedro Sánchez e o goberno de coalición no pleno da corporación municipal e, especialmente, do acordo alcanzado entre BNG e PSOE para apoiar a investidura. Foi a través de senllas mocións de PP e Ciudadanos relativas á AP-9 e ao bronco debate no Congreso, ambas as rexeitadas polo goberno municipal.
Os populares presentaron unha iniciativa para reclamar a gratuidade da peaxe entre Pontevedra e Curro. O seu portavoz, Rafa Domínguez, asegurou que é o "momento oportuno" para solicitalo e lamentou que socialistas e nacionalistas negociasen liberar o tramo entre Redondela e Vigo "y se hayan olvidado" de Pontevedra.
Esta medida permitiría, segundo Domínguez, atraer á capital a máis xente do Salnés, mellorar a conexión entre Pontevedra e o polígono de Barro e reducir de maneira "significativa" o tráfico na estrada PO-531, entre Pontevedra e Vilagarcía.
"Estoy sorprendido y decepcionado porque otras ciudades tienen beneficios y algo que piden los pontevedreses no se atiende", engadiu o líder popular, que engadiu que se trataría dun tramo "muy pequeño" e que "estábamos en disposición de conseguirlo" ante a "influencia" que presupón do BNG e do PSOE pontevedrés sobre o Goberno.
O edil de Ciudadanos, Goyo Revenga, foi o único que apoiou a moción do PP ao entender que é unha medida "acertada", aínda que asegurou que "sorprende" o interese dos populares "porque cuando estuvieron gobernando no hicieron nada al respecto".
Moito máis crítico foi o portavoz socialista, Tino Fernández, que acusou ao PP de actuar cun "claro oportunismo e demagoxia" ao lembrar que con Mariano Rajoy á fronte da Moncloa "tiveron sete anos" para tomar esta medida, unha iniciativa que agora esixe a un Goberno "que leva apenas unha semana".
Tras lembrar que foron os populares os que prorrogaron a concesión da AP-9 ata 2048, Fernández avanzou que os socialistas están "pendentes" de que se cumpran todos os compromisos acordados coa cidade e acusou ao PP de estar "desnortado" e seguindo unha "folla de ruta" marcado por unha extrema dereita "que vos acabará devorando".
César Mosquera, pola súa banda, explicou que no BNG "non desbotamos" esta medida se se inclúe dentro dun plan de acción sobre a AP-9, pero cualificou de "ocorrencia" a petición do PP, lembrando que a propia Ana Pastor prometeu en 2008 liberar a peaxe entre Pontevedra e Curro e cando chegou a ministra de Fomento "nunca máis se supo".
"Nós nos xogamos a facer promesas e logo non cumprilas", engadiu o concelleiro nacionalista, que destacou que o acordo alcanzado polo BNG para a investidura de Sánchez é "beneficioso" para Pontevedra, censurando que o PP "quere afealo pedindo cousas".
A mesma sorte correu a moción de Ciudadanos na que instaba á corporación municipal a mostrar o seu "apoio e respecto" á Constitución e ao xefe do Estado, o rei Felipe VI, polos "ataques e insultos" recibidos durante a sesión de investidura polos portavoces de varios partidos, entre eles Bildu ou ERC. Só o PP apoiou esta iniciativa.
OFICINA DE ATENCIÓN A MAIORES
A segunda moción presentada por Ciudadanos, con todo, foi aprobada por unanimidade de toda a corporación. Nela, Goyo Revenga pedía que se realizase un estudo para a creación dunha oficina de atención a maiores para "informar, asesorar y dar solución a los problemas" dos pontevedreses de máis de 65 anos.
Ademais, a iniciativa incluía a creación dun censo de persoas maiores que viven soas, para que os servizos sociais fagan un seguimento máis detallado do seu estado e a adhesión de Pontevedra á rede mundial de cidades amigables coas persoas maiores.
A este respecto, a edil de Igualdade, Paloma Castro, avanzou que "xa era a nosa intención" como goberno municipal impulsar un programa de atención aos maiores que contaría, entre outras medidas, co devandito censo, diferentes axudas de acompañamento e asesoramento a este colectivo ou o reforzo do servizo de axuda no fogar.
Relacionadas:
-
Domínguez propón unha fronte común para reclamar que a AP-9 sexa gratis entre Pontevedra e Curro
Por Alejandro Espiño |
-
Barro reclama a mellora da seguridade viaria da PO-531 ao seu paso por Outeda
Por Redacción |
-
O PP pide ao BNG que aproveite este "momento histórico" e reclame a liberalización da peaxe de Curro
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local cre que o PP de Pontevedra debería "aplaudir" o acordo de investidura do BNG e o PSOE
Por Oskar Viéitez |
-
Cidadáns pide ao Concello de Pontevedra que habilite axudas contra a soidade
Por Oskar Viéitez |