O comedor de San Francisco contará cun novo modelo de subvención
Por Sara Iglesias
A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, acordou co responsable do comedor de San Francisco, o pai Gonzalo Diéguez, substituír este ano a subvención que se viña reservando habitualmente nos orzamentos municipais a este servizo “por un sistema máis áxil e directo para facerlle chegar as axudas”.
Castro e Diéguez acordaron implementar este ano "un modelo máis acaído ás demandas reais que vaia presentando o comedor", concretando a colaboración do Concello a través de vías como a Redeaxuda, o Banco de Alimentos, a adquisición de enseres e de mobiliario necesarios para a prestación do servizo, a entrega directa de alimentos procedentes das diversas campañas solidarias ou as achegas económicas concretas para o período de Nadal (no reparto de Froiz o comedor recibiu un vale de máis de 3.000 euros).
A edil afirmou que "o pai Gonzalo é a persoa que coñece de primeira man e mellor que ninguén as necesidades do comedor". Para distribuír os orzamentos da Concellería dun xeito máis razoable e que as achegas económicas non se desaproveiten, será el quen nos informe exactamente sobre o que precisan e nós irémolo satisfacendo con axilidade".
Ademáis, Diéguez agradeceu o interese que o Concello amosou durante todos estes anos polo labor da institución e admitiu sentirse moi satisfeito coa decisión de axilizar o sistema de axudas, xa que o anterior "era moi farragoso, xa que había que levar un montón de papeleo". Tamén indicou que "calquera axuda en forma de alimento é ben recibida para poder manter esta obra, que eu creo que é importante en Pontevedra".
A obra social que realiza o comedor de San Francisco tradúcese nunha media de 145 comensais diarios, excepto os sábados, "que baixa un pouquiño" según apuntou o pai Gonzalo. Isto obrígalles a manter ata tres quendas diarias de comensais.