Demandan a ampliación dos cupos de uva albariña
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular asume unha reivindicación dos viticultores para que o Consello Regulador amplíe os cupos de uva albariña por hectárea durante as próximas vendimas na Denominación de Orixe Rías Baixas.
Segundo argumentan os populares, durante as pasadas colleitas de uva dos anos 2017 e 2018 no ámbito da Denominación de Orixe Rías Baixas, recolectáronse grandes cantidades de uva con récords de produción, sendo a segunda e a terceira colleita máis abundantes da historia.
O regulamento do Consello Regulador Rías Baixas sinala que o límite máximo de produción por hectárea é de 12.000 quilos para as variedades brancas. O que sucedeu foi que moitos viticultores superaron o cupo máximo, tendo que deixar nas parras moita cantidade de uva que acaba nun mercado paralelo a prezos moi baixos ou con fin de producir viño para autoconsumo.
Na actualidade, as vendas das adegas de Rías Baixas, estánse incrementando tanto no mercado nacional coma nas exportacións e a tendencia nestes últimos anos é de crecemento sostido e de recuperación total do sector. Os adegueiros aseguran que podería producirse unha situación de risco por desabastecemento dos mercados debido á falla de uva, que poría en perigo o traballo de promoción realizado por todo o sector.
O regulamento do Consello Regulador prevé que a produción máxima admitida por hectárea será de 12.000 quilogramos para a variedade Albariña, de 10.000 quilogramos para as variedades tintas e de 12.500 quilogramos para as demais variedades.
Estes límites de produción poderán ser modificados en determinadas campañas polo Consello Regulador, ben a iniciativa propia ou ben a petición en tempo e forma, de viticultores interesados na medida, efectuada con anterioridade á vendima. Esta decisión deberá ser tomada co acordo favorable da maioría absoluta do pleno válidamente constituido, despois dos asesoramentos e comprobacións que se precisen e o informe favorable do órgano de control. No caso de que tal modificación se produza, a mesma non poderá superar o 25% dos límites citados.
Pasaría a ser ata un máximo de 15.000 quilos por hectárea
Dende o Partido Popular afirman que si os stocks das adegas son baixos, que si a calidade da uva é boa e que si as previsións que se fan no mes de xullo e agosto apuntan a colleitas abundantes, reúnense todos os requisitos para que o pleno do Consello Regulador Rías Baixas poida xestionar os excedentes de uva aumentando os cupos.
O pleno do Consello Regulador Rías Baixas ten a potestade de modificar este cupo ata un máximo de 25%, segundo o regulamento, polo que si así se decidira, pasaría a ser ata un máximo de 15.000 quilos por hectárea, propiciando para as familias de viticultores e para a economía local das zonas produtoras de viño un importante impulso económico.