Un condutor bébedo e co carné retirado por orde xudicial intenta subornar a Policía para evitar unha sanción
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo por desobediencia a axente da autoridade e intento de agresión e denunciou por conducir baixo os efectos do alcohol e por quebrantamento de condena a un home ao que 'pillaron' nun control de alcoholemia en estado ebrio e conducindo malia que lle retiraran o carné por orde xudicial. Cando os axentes o sorprenderon, intentou subornalos para evitar ser sancionado e, como non funcionou a súa chantaxe, púxose violento e acabou insultando e agredindo un funcionario policial.
Segundo informou a Policía Local, os feitos aconteceron sobre as 3.45 horas da madrugada do 14 de xullo na avenida das corbaceiras. Os axentes municipais estableceran un control de alcoholemia cun vehículo rotulado e deron o alto ao condutor dun turismo Citroën.
Tratábase dun control ordinario. Os axentes pedíronlle a documentación ao condutor e sometérono a un test de alcoholemia, pero todo acabou converténdose no guión dunha película cando o home deu resultado positivo cunha taxa de 0,50 miligramos de alcohol por litro de aire espirado.
Os axentes indicáronlle, como estipulan as normas, que debía esperar dez minutos e someterse a unha segunda proba de alcoholemia, pero o home non quixo agardar e, segundo recolle o atestado policial, intentou subornar os axentes indicándolles que lles pagaría diñeiro, aínda que sen especificar a cantidade, para evitar que o denunciasen.
Os axentes rexeitaron a súa chantaxe e el mesmo recoñeceulles que tiña o carné retirado por orde do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra e que non podía conducir ata o mes de setembro. Supostamente quixo subornar os policías para evitar ser descuberto quebrantando unha condena xudicial.
Increpou os axentes con frases e insultos como "me vais a joder la vida", "ladrones" ou "hijos de puta"
Transcorrido o tempo estipulado, volveu dar positivo cun resultado de 0,51 e os axentes indicáronlle que procederían a sancionalo por condución alcohólica e tramitarían as correspondentes dilixencias judicales por quebrantamento de condena por conducir co carné retirado. Ante este anuncio, o home reaccionou de forma violenta.
Segundo indicou a Policía, empezou a increpar os axentes e a proferirlle insultos. Díxolles frases como "me vais a joder la vida", "ladrones" ou "hijos de puta" e o seu estado de excitación mesmo levou a súa muller, que estaba no interior do turimo, a apearse e acudir ao seu lado ao furgón policial de atestados
Nese momento un axente intentou levalo a unha esquina para tranquilizalo, pero el reaccionou de forma cada vez máis agresiva, increpouno e intentou darlle unha puñada. Os outros axentes interviñeron para separalos, produciuse un forcexo e un policía rematou caendo ao chan e cunha lesión no antebrazo dereito pola que tivo que ser atendido no centro de saúde da Parda. O condutor foi detido por desobediencia a axente de autoridade e intento de agresión.
2.122 TEST DE ALCOHOL EN SEIS DÍAS
Esta intervención enmárcase na campaña de control de alcoholemia e drogas realizada pola Policía Local do 9 ao 15 de xullo sumándose a unha acción global en toda España da Dirección Xeral de Tráfico.
No marco deste operativo os axentes municipais realizaron 2.122 probas de alcoholemia e detectaron dez positivos por consumo de alcohol e un por drogas. Oito condutores foron denunciados pola vía administrativa por condución alcohólica, dous remataron no xulgado por cometer un delito e o último rematou denunciado por estar baixo os efectos de substancias estupefacientes.
Relacionadas:
-
Un mesmo condutor dá positivo en alcohol dúas veces nunha hora, primeiro en coche e logo en moto
Por Natalia Puga |
-
Cada día 14 pontevedreses son 'cazados' baixos os efectos do alcohol
Por Oskar Viéitez |
-
Home de 35 a 49 anos, retrato tipo do pontevedrés que conduce baixo os efectos do alcohol
Por Alejandro Espiño |