Veciños de Poio, convocados polo PP, rodean o Concello para protestar pola suba de impostos
Por Redacción & Diego Torrado
Uns impostos "xustos" e uns servizos "dignos" para Poio. É o que pediron os numerosos veciños e veciñas do municipio que, convocados polo Partido Popular, rodearon este domingo a casa consistorial para denunciar a "estafa política" do actual goberno municipal.
Os asistentes lograron facer dúas cadeas humanas ao redor do edificio do Concello, duplicando a participación do pasado ano, segundo destacou o portavoz do PP, Ángel Moldes.
Esta resposta, sinalou Moldes, é una mostra da "indignación" veciñal contra as políticas "equivocadas" que está a adoptar o tripartito municipal, especialmente pola suba do IBI e doutros impostos, e que van na "dirección contraria" ao que piden os veciños.
"A xente pensaba que o bipartito era o peor goberno posible para Poio, pero o tripartito está demostrando que aínda se podía facer peor", lamentou o líder dos populares.
Os asistentes recalcaron o seu malestar pola subida na presión fiscal do municipio e denunciaron a "falta de transparencia" na actual xestión municipal.
Despois de formar as dúas cadeas, Ángel Moldes dirixiu unhas palabras aos veciños e veciñas que apoiaron esta convocatoria, subliñando que o goberno "debería reflexionar".
Moldes recordou que os veciños reclaman un "cambio de política", con menos impostos, mellores servizos e máis transparencia e advertiu que se o Concello "non cambia de rumbo" convocarán unha mobilización "moito maior" nos próximos meses.