Pontevedra organiza o control sanitario das dezaseis fontes ornamentais do municipio
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra sacará a concurso o control sanitario continuado das dezaseis fontes ornamentais do municipio. Non se trata daquelas que funcionan con auga para beber senón que a maioría son con circuíto pechado con balsas e depósitos, salvo a dos Tornos.
A concelleira do ciclo da auga, Carme da Silva, explicou que esta actividade xa se estaba realizando por parte da empresa concesionaria pero non dunha maneira sistematizada e cun protocolo de control específico.
Desde a pasada primavera os técnicos municipais en colaboración coa Consellería de Sanidade elaboraron un protocolo co obxectivo de garantir a perfecta calidade da auga destas fontes para que non haxa patógenos ou algún tipo de bacteria que poida xerar problemas, así como un control específico da legionela.
Agora establécese unha medición semanal do cloro e analíticas semestrais de aerobias na auga.
Semestralmente examinarase a presenza de legionela na Fonte dos Nenos e na da Praza de Galicia, no resto de fontes que non teñen sistema de aspersión este control será anual. Tamén se fará unha limpeza e desinfección de todos os elementos cada ano.
O protocolo tamén inclúe o procedemento para seguir se é que se detecta un brote de legionela.
Ademais haberá un plan de mantemento que empeza cun recoñecemento do estado inicial e, a partir de aí, mensualmente inclúe un traballo preventivo en embocaduras, bolsas, balsas, depósitos, tubaxes, e demais elementos.
Unha vez redactados os pregos técnicos o Concello de Pontevedra sacará a contratación estes traballos cun custo anual de 47.000 euros. A idea é establecer un contrato de catro anos de duración.
Carme da Silva espera que "a partir da primavera" estea xa adxudicado este contrato e empeza a sistematización deste control sanitario. Isto ten que ver cunha prioridade do goberno local para que todos os espazos públicos estén nun nivel de excelencia", sinalou a concelleira.