Nove restaurantes participarán na XI Festa do Petote
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten todo listo para a undécima edición da Festa do Petote, que vai manter o mesmo formato estreado con éxito en 2019 con degustación gratuíta na Praza da Chan e xantar nos restaurantes do municipio, entre outras actividades.
O certame gastronómico celebrarase o domingo 16 de febreiro de febreiro, xusto na fin de semana previa ás festas do Entroido.
O programa arrancará ás 12.00 horas cun desfile de comparsas coa participación das tradicionais madamitas e folións e As Flores do Entroido polas rúas de Carballedo antes de que se dea lectura ao pregón, recuperando deste xeito unha actividade propia das seis primeiras edicións desta cita gastronómica.
Nesta ocasión, o gaiteiro Óscar Ibáñez, moi vencellado ao municipio nas homenaxes anuais a Ricardo Portela e nas actividades do Ano Antonio Fraguas, será o protagonista deste acto.
A continuación, haberá sesión vermú con degustación gratuíta de petote e outros produtos do Entroido nos postos habilitados na Praza da Chan, animación musical co concerto do grupo A Tajea e inchables e outros xogos para os máis cativos. En caso de previsión de choivas, o Concello ten previsto colocar unha carpa de grandes dimensións para garantir a exaltación.
En canto á degustación do tradicional Cocido de Entroido con petote, as persoas interesadas xa poden facer as súas reservas nos nove establecementos participantes: A de Tucho (Augasantas), A Raxadal (Carballedo), Casa Blanco (Rebordelo), Casa Inés (Carballedo), A Vosa Taberna (Borela), O Novo Chiringuito (Valongo), Espigueiro (Cerdedo), O Meu Lar (Cerdedo) e Restaurante Davi (Quireza).
O menú estará composto de cocido completo con petote, postre e bebida a un prezo unificado de 20 euros por persoa en todos os establecementos.
O alcalde, Jorge Cubela, explicou que "o ano pasado optamos por impulsar e modernizar a festa, diversificándoa e extendéndoa a todo o territorio e mantendo o xérmolo en Carballedo con degustación e actividades de rúa que a fan máis próxima aos veciños, e a verdade é que foi un éxito absoluto, polo que imos repetir con este formato".
"Cremos que estamos nun punto de partida moi bo para que o Petote siga medrando e ademais para favorecer e potenciar aos restaurantes do noso concello, que deste xeito obteñen un retorno económico directo ao tempo que se impulsa a socioeconomía local dun xeito máis atinado que a través dunha degustación multitudinaria no pavillón", detallou o rexedor.