Cedofeita editará unha publicación sobre a historia de Lérez para celebrar o seu 25 aniversario
Este ano a Asociación Cultural Cedofeita cumpre 25 anos e para celebralo está a preparar unha serie de eventos que se realizarán ao longo do ano
Para iso, Cedofeita conta co apoio do Concello. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que a colaboración con Cedofeita é "obrigada" porque, ademais de ser un orgullo para a cidade, "axuda a botar luz sobre temas que teñen un baleiro histórico".
Respecto a os eventos do 25 aniversario, o presidente de Cedofeita, Xaime Iglesias e o seu secretario, Xosé Luís E. Solla, explicaron que van seguir facendo as mesmas actividades pero cun "tinte especial", ademais de algo específico para celebrar o 25 aniversario
As actividades empezan este venres, día 31, coa actuación da coral Bella Helenes, e continuarán todos os venres cos ‘venres culturais’. Os eventos propios do 25 aniversario serán a última semana de maio, na que haberá música, teatro ou conferencias.
Tamén haberá dúas publicacións importantes. A principal estará centrada na historia de Lérez, que cubrirá desde a prehistoria ata a actualidade, e na que se poderán ver os artigos publicados na revista de Cedofeita ao longo destes anos. A outra será unha publicación menor sobre as festas de Lérez que axudará a complementar a exposición que tiveron anteriormente
En canto ao momento actual da asociación, Xaime Iglesias explicou son uns 160 socios cos que contan actualmente e celebrou a boa asistencia que teñen nos eventos, algo que asegura que os anima a seguir.