Sanxenxo programa cambios no tráfico da avenida de Madrid
Por Redacción
A avenida de Madrid permite circular dirección Pontevedra só ata a rúa Cesteiros. É o itinerario que teñen que seguir os vehículos que saen da zona do porto de Sanxenxo para subir á rúa Progreso.
O cambio que vai facer o Concello de Sanxenxo consiste en prolongar o sentido en dirección Pontevedra ata a rúa Constitución, de maneira que os condutores terán dúas opcións para subir á rúa Progreso, ben por Cesteiros como ata o de agora, ben pola rúa Constitución.
Segundo o goberno local, o cambio facilita a saída en dirección Portonovo e Pontevedra sen prexudicar o acceso ao mercado e a súa contorna dos vehículos que chegan pola PO-308, xa que poderán seguir facéndoo polo tramo da avenida de Madrid ata a rúa Constitución. O mesmo acceso servirá para os vehículos que queiran utilizar o aparcadoiro público do novo mercado.
Ademais, aseguran que tamén se facilita o acceso ao mercado e a súa contorna aos vehículos que procedan de Portonovo e a autovía pois co cambio poderán baixar pola rúa Panadeira sen ter que chegar á rotonda.
Este mércores o alcalde e o concelleiro de economía mantiveron unha reunión cos comerciantes da avenida de Madrid e os placeiros na que lles comunicou a prolongación da dirección sentido Pontevedra ata o mercado.
Hai tempo que o goberno tomara esta decisión, pero non era posible, nin tiña ningún sentido facer o cambio ata que concluíse a mellora da rúa Progreso. A intención é poñer en marcha o cambio na segunda quincena de febreiro.