Marín programa cortes de tráfico esta fin de semana pola celebración de probas deportivas
Por Redacción
Marín acollerá esta fin de semana o Campionato de Marcha en Ruta e a Carreira do Truco. A celebración de ambas probas deportivas, a primeira, o sábado e a segunda, o domingo, afectará á Avenida de Ourense e a algunhas zonas da parroquia de Seixo.
O Campionato Galego de Marcha en Ruta celebrarase o sábado, día 1 de febreiro, na Avenida de Ourense. Por este motivo, este viario permanecerá cortado ao tráfico en ambas direccións desde Praza de España ata a Rúa Vidal Pazos, desde as 15.30 ata as 18.30 horas.
Durante este tramo horario, habilitarase o viario do Porto para poder circular.
En canto ao estacionamento, o Concello prega non aparcar previamente ao corte ou ter en conta a imposibilidade de mover os coches estacionados durante o peche ao tráfico.
Con respecto ao domingo, tamén haberá restricións de tráfico pola celebración da Carreira do Truco. Esta proba popular que se fai en honor a San Blas transcurrirá polo Viario de Praias, que estará cortado ao tráfico rodado desde as 10.30 ata as 13.00 horas.
A carreira tamén afectará ás rúas Araujo Escribano e Gago de Mendoza. Esta última quedará restrinxida a un só carril de circulación, aínda que haberá momentos nos que se poida abrir o dobre carril.