O PP vota en contra de retirar os símbolos franquistas e falanxistas que quedan en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A negativa do PP a apoiar a moción sobre a retirada dos restos da simboloxía franquista que queda en Cerdedo-Cotobade xerou unha tormenta política no municipio. Os partidos da oposición e colectivos da memoria histórica criticaron duramente a posición do goberno municipal.
A iniciativa, que partía do BNG, pedía eliminar os símbolos falanxistas e franquistas de fontes, lavadoiros e outros bens públicos e mesmo as mencións conmemorativas de exaltación da sublevación militar, da guerra civil ou da represión da ditadura que aínda existen.
O proceso debía estar dirixido por una comisión que xestionara o proceso de catalogación e eliminación dos bens e recursos afectados, baixo a supervisión de concelleiros e asociacións de amplo recoñecemento social nesta materia como Capitán Gosende ou o Colectivo Portalén.
O edil Ernesto Filgueira, que deu lectura á longa lista de represaliados e asasinados no municipio, explicou que os seus familiares "merecen xustiza e a reparación da súa memoria" e pediu liberar á sociedade dunha "longa ferida" que debe ser "pechada con dignidade".
Tras un longo debate sobre as cuestións legais desta iniciativa, o PP defendeu que a actual lei de memoria histórica non habilita ao Concello para realizar a retirada destes elementos e presentou unha emenda na que pedía que o Goberno central colaborara neste traballo e que foi rexeitada polo concelleiro nacionalista.
Filgueira explicou que "o foco do debate non era a cuestión legal, pois son os técnicos e os xuristas os encargados de facer valer a lei, senón de abrir unha vía política que puxera punto e final ao franquismo aínda moi presente no concello ao longo deste ano".
Os populares pedían, en concreto, solicitar a colaboración do executivo de Pedro Sánchez para elaborar un catálogo de vestixios relativos á guerra civil e á ditadura no concello e que fora o Estado quen financiara esta actuación na que, recordaron, tamén habería que actuar con coidado pois moitos destes símbolos están en construcións protexidas por Patrimonio.
O alcalde, Jorge Cubela, lamentou que a oposición rexeitara esta proposta "legal" para cumprir coa memoria histórica e acusou a nacionalistas e socialistas de "falta de vontade" para chegar a acordos, por presentar unha moción "pechada" e que non cumpre a lexislación vixente.
"Non estaban dispostos a aceptar ningunha emenda, nin sequera tan sensata como a nosa, porque o único que buscaban eran balbordo e titulares", destacou Cubela, que recordou que foi o primeiro alcalde de PP e PSOE que pediu publicamente a restitución moral de Alexandre Bóveda e que o seu propio tío avó foi represaliado "polo que non admito leccións de ninguén".
Para o PSdeG-PSOE, por último, os votos en contra do alcalde, Jorge Cubela, e do seu goberno demostran "pouco respecto e falta de seriedade"nun partido que "alardea" de ser "demócrata e constitucional" e agardan que o PP "reflexione" e mostre "sensibilidade" cun tema "tan importante" como a memoria histórica.
CRÍTICAS DE COLECTIVOS DA MEMORIA
Desde o Colectivo Portalén, asociación que traballa pola recuperación da memoria histórica na comarca, expresaron o seu rexeitamento ante a nova negativa do PP a retirar a simboloxía de exaltación do franquismo aínda presente no espazo público.
"De novo caeu a careta de galeguista e demócrata coa que pretende disfrazarse o alcalde Jorge Cubela, demostrando o seu aliñamento total coa extrema dereita que representa o seu partido", destacaron tras lamentar que a veciñanza "perda a oportunidade" de que as súas rúas e camiños queden libres de elementos que fan apoloxía da ditadura e da represión.