Poio impulsa tres proxectos valorados en medio millón de euros para mellorar a eficiencia enerxética de edificios municipais
Por Redacción
O Concello de Poio está a preparar tres proxectos destinados a mellorar a eficacia enerxética de tres dos principais inmobles municipais: o Consistorio, o pavillón polideportivo da Seca e o ximnasio municipal.
Segundo deu a coñecer o Concello a través dun comunicado, nestes momentos están redactando os proxectos, nos que se fará un investimento de preto de medio millón de euros. Para pagar estas iniciativas, poderán contar con fondos europeos tramitados directamente pola Concellería de Promoción Económica ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).
No caso da Casa Consistorial, a idea é acometer a substitución da cuberta, pasando a contar cunha nova con illamento de poliestireno, cunha superficie total de 250 metros cadrados. Con esta medida lograrase reducir de xeito drástico as emisións de dióxido de carbono. Esta actuación contará cun orzamento de 234.759 euros.
No pavillón polideportivo da Seca tamén se acometerá a rehabilitación da cuberta. A actual conta cun panel ‘sandwich’ que se substituirá por outro de 50 milímetros de espesor, cunha dobre capa de aceiro lacado por ambas caras e un recheo de espuma de poliuretano. Ademais, este proxecto inclúe a renovación integral das luminarias interiores.
A esta actuación está previsto que se destinen 172.589 euros e, segundo os cálculos técnicos, os custos polo consumo eléctrico reduciranse notablemente, pasándose dos 290.000 quilovatios actuais a menos de 266.000.
No ximnasio municipal da Seca mellorarase o illamento exterior e vanse substituír as fiestras, entre outros traballos, cun orzamento que ronda os 72.500 euros aproximadamente.
A Concellería de Promoción Económica, que dirixe Gregorio Agís, lembra que, unha vez rematada a redacción dos proxectos, deberán ser remitidos novamente a Europa. En canto reciban o visto bo definitivo poderase iniciar o proceso de adxudicación, algo que podería ser realidade en poucos meses. Con respecto aos prazos de execución das obras, a documentación establécea en 30 meses, de xeito que, se non hai imprevistos, estarían concluídas durante o outono de 2021.