Os fisioterapeutas son "pezas clave" na detección precoz da violencia machista
Por Redacción
Os profesionais de atención primaria son un aliado de primeira magnitude para poder detectar de xeito precoz a mulleres que están sendo vítimas da violencia machista. Unha das especialidades de maior relevancia para iso son, sen dúbida, os fisioterapeutas.
De aí que a Facultade de Fisioterapia de Pontevedra organizara este xoves unha actividade formativa na que 75 estudantes recibiron nocións sobre violencia de xénero para sensibilizarse no papel que poden xogar en materia de detección precoz.
A actividade estivo dirixida pola subdirectora de Enfermaría da Área Sanitaria de Vigo, Mar de la Peña, e estivo enfocada segundo ela mesma explicou en mostrar aos futuros profesionais da saúde como detectar este tipo de episodios "porque sabemos que hai moitísimos casos que están infradiagnosticados".
De la Peña destacou que "inicialmente" as agresións físicas prodúcense en moitas ocasións en zonas do corpo menos visibles. "Cando a violencia física aumenta no tempo, dáse cada vez con maior intensidade e cada vez son maiores as agresións, pero nas fases iniciais o agresor sempre busca zonas que non se vexan", engadiu.
Así, os fisioterapeutas poderán atoparse durante unha terapia con hematomas en zonas como os antebrazos ou as costelas, ao igual que lesións osteoarticulares producidas por traumatismos sufridos repetidamente.
Nese senso, determinadas lesións non observables a simple vista "e que determinados profesionais van poder detectar" fan que o labor destes profesionais teña especial relevancia á hora de "detectar moito antes situacións deste tipo".
Xunto a saber detectar posibles casos, nun labor que debe ser "diario", os profesionais da fisioterapia deben tamén "saber derivalos", recalcou a responsable sanitaria. Con ese obxectivo, abordou tamén co alumnado o protocolo común para a actuación sanitaria ante a violencia de xénero e os recursos que as mulleres afectadas teñen á súa disposición.
Ademais, recordou que entre as vítimas de violencia machista poden darse tres situacións, a da muller que "sabe a ciencia certa" que está sufrindo violencia de xénero, aquela que dubida e aquela que "non sabe que a está padecendo, que cre que iso que lle pasa é normal".
A este respecto, De la Peña recordou que contribuír á detección destas situacións é tamén unha "responsabilidade" dos profesionais sanitarios, á que ademais, lembrou, lles obriga tanto a lei estatal de violencia de xénero de 2004 como a autonómica de 2007.