Detida por extorsionar unha escritora que ofreceu unha recompensa polo contido do seu portátil
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra logrou recuperar o traballo literario da veciña de Poio Lucía Lourido, que hai varios días denunciara o roubo dun ordenador portátil no que gardaba a súa obra. A recuperación foi posible tras a detención dunha moza de 18 anos que tentaba extorsionar á escritora.
Tras o roubo do seu bolso cun computador e dous teléfonos móbiles no interior, a vítima ofreceu unha recompensa económica por recuperar o portátil. Ademais de contar a súa historia en varios medios de comunicación, a moza ofreceu a través das redes sociais 1.000 euros a cambio das "súas pertenzas" íntegras entre as que se atopaba o material literario que contiña o portátil e a logo detida púxose en contacto con ela.
A moza, pontevedresa de 18 anos con antecedentes policiais, ofreceulle devolverlle os arquivos previo pago da recompensa e citáronse nun establecemento comercial de Poio.
A vítima denunciara os feitos na Garda Civil e, tras ese contacto, montouse un dispositivo especial de seguridade cidadá do posto de Pontevedra do instituto armado, de forma que a moza extorsionadora foi detida in fraganti cando pretendía entregar á denunciante unha chave USB con só os arquivos da súa obra literaria.
A moza foi detida como presunta autora dos delitos de furto e extorsión e posta ao disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.
Toda esta historia empezou o pasado luns 3 de febreiro na praia de Lourido e, tras detectar que lle subtraían o seu bolso, a vítima acudiu á Garda Civil e mostrou unha especial preocupación pola perda duns arquivos que almacenaba no computador, relacionados co borrador dun libro que tiña previsto publicar en breve.
A investigación da Garda Civil continúa aberta para recuperar a totalidade dos efectos subtraídos, pois, ata o momento, tan só foi recuperado o USB.