A alerta dun veciño evita o roubo do valado do Colexio de Lourido durante a noite
Por Anxo Lourido
Durante a noite do luns ao martes 18, os delincuentes tentaron levar os valos metálicos do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Lourido, no Concello de Poio. Provistos cunha cizalla, os atacantes cortaron seis valas, que en total ocupaban máis de 15 metros de extensión, coa intención de levalas.
Un veciño, ao redor das 01.00 horas, alertado polo ruído, observou o acto delituoso e avisou ás forzas da orde. A alerta produciu efecto. Os ladróns ao verse sorprendidos na súa acción déronse á fuga e abandonaron o botín en diferentes puntos da contorna. Algúns valos quedaron tirados dentro do xardín do colexio e outros apareceron esparexidos no acceso á estrada nun terraplén polo que pretendían trasladar o material a un vehículo para o seu transporte.
Manuel Fontán, director do CEIP de Lourido, confirmaba que esta actuación realizouse coa intención de reutilizar este peche noutro recinto porque o corte executouse de maneira limpa, o que fai descartar que se trate dunha acción meramente vandálica. Explica que de terse consumado o roubo provocaría un problema para a actividade lectiva xa que o valado ten como obxectivo evitar que os menores de 12 anos que asisten ao centro escolar poidan caer polo desnivel do terreo situado na parte traseira da escola.
Desde a dirección do centro presentouse unha denuncia na Policía Local de Poio, que investiga os feitos. Desde a Xefatura piden colaboración cidadá para tentar identificar os responsables desta acción. Aquelas persoas que poidan achegar algunha información sobre estes feitos poden chamar ao teléfono da Policía Local: 689.575.495.
Segundo a dirección do centro, os valos xa volveron a ser instaladas no recinto sen afectar á actividade escolar.