Ferido un motorista que chocou contra un coche que cruzaba a estrada en Portas
Por Redacción
Un motorista resultou ferido e tivo que ser trasladado ao Hospital Montecelo de Pontevedra como consecuencia dun accidente de tráfico rexistrado ao mediodía deste mércores en Portas.
Segundo a información facilitada por Protección Civil de Cuntis, o motorista circulaba desde Pontevedra en dirección a Caldas de Reis cando, ao seu paso por Portas, cruzóuselle na calzada un turismo que pretendía cruzar a estrada. A moto acabou chocando contra o coche.
O accidente produciuse sobre as 13.25 horas deste mércores e, como consecuencia do mesmo, o motorista, veciño de Barro, foi atendido por unha ambulancia de Protección Civil de Vilagarcía e posteriormente trasladado ao hospital con diversas fracturas.
Ata o lugar do accidente acudiron a Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil de Portas e Cuntis.
Hora e media máis tarde, sobre as 15.00 horas, rexistrouse outro accidente en Cuntis que, a pesar do aparatoso do mesmo, deixou menos danos persoais, segundo indicaron desde Protección Civil.
O sinistro produciuse na estrada N-640 na entrada de Cuntis. Un mozo da localidade de 18 anos circulaba en dirección a Caldas de Reis cando, por motivos que se descoñecen, saíuse da vía, subiu encima do valo protector e quedou coas rodas cara arriba.
O condutor sufriu feridas na cara e as mans, fundamentalmente provocados polos cristais rotos no seu propio vehículo, e, á chegada da ambulancia, rexeitou ser trasladado a un centro sanitario.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e a Policía Local de Cuntis.