Familiares de Clotilde Fernández e Placeres Castellanos darán a coñecer as súas historias polo Día da Muller
Por Natalia Puga
Ponte Caldelas celebrará este anos os actos dos Día Internacional da Muller o venres 6 de marzo a partir das 19.00 horas. Para esa xornada está prevista a inauguración da Praza Placeres Castellanos (na rotonda do Chafarís) e do Paseo Clotilde Fernández (paseo fluvial que une a Praza de Fornelos co Balneario).
Ademais da inauguración, está programado un acto aberto á cidadanía no que se debullará as historias de vida das dúas mulleres que darán nome ás novas vías, Clotilde Fernández e Placeres Castellanos, no que participarán netas das dúas homenaxeadas.
Con este acto darase a coñecer a vida destas mulleres pioneiras e moi adiantadas á época que lles tocou vivir da propia boca da súa familia. O acto rematará cun pincho de confraternidade.
Placeres Castellanos e Clotilde Fernández naceron en Ponte Caldelas e contan cunhas biografías espectaculares que as fixeron merecedoras dun recoñecemento. O Concello de Ponte Caldelas busca facer xustiza e saldar unha débeda histórica con estas dúas mulleres que foron, como moitas outras mulleres, invisibilizadas ao longo da historia.
Placeres Castellanos Pan foi mestra, enfermeira, xornalista e guerrilleira. Secretaria do Comité de Represión e Persecución da Mendicidade e de Protección de Menores' e a primeira muller militante da Agrupación Socialista de Vigo (1933), o alzamento de 1936 sorprendeuna en Madrid, onde participaba nunha asamblea do ‘Socorro Rojo Internacional'. Durante a Guerra Civil, cando fusilaron ao seu home e ao seu fillo Victor, de 19 anos, traballou como enfermeira en diferentes hospitais e en marzo de 1939 exiliouse a Sète (Francia). Alí colaborou coa Resistencia Francesa contra os nazis e posteriormente instalouse en Marsella, onde traballou como xornalista.
O seu activismo feminista levouna a representar a Marsella no Congreso Internacional de Mulleres que se celebrou en París en novembro de 1945. Alí coincidiu con mulleres como Dolores Ibarruri, a Pasionaria, e outras moitas chegadas de todos os continentes.
Clotilde Fernández Orge.'Mamá Clotilde', foi a muller que en 1907 levou a luz eléctrica a Ponte Caldelas. Casou co médico José Estévez e tivo dez fillos. Do seu home precisaba a sinatura para poder sacar adiante todos os negocios que ela emprendía e dirixía nunha época na que as mulleres tampouco tiñan dereito ao voto.